50 aniversario dos derradeiros fusilados polo franquismo
Entre os 5 fusilados o 27 de setembro de 1975 estaba Xosé Humberto Baena, quen ingresara en maio de 1970 por primeira vez en prisión. Sería no antigo cárcere provincial da Coruña, na península da Torre.
Este vindeiro sábado, fará 50 anos dos últimos fusilados polo réxime franquista, como resultado da aplicación (con carácter retroactivo) dun Decreto-Lei aprobado nun consello de ministros celebrado o 26 de agosto dese ano 1975 no comedor do Pazo de Meirás, e que levaba como título “sobre prevención del terrorismo”.
Un decreto-lei que o xornalista Fernando Ónega describía así durante os días previos a súa aprobación na prensa falanxista “Hacía el Consejo de Ministros de Meirás iban doscientas líneas de decreto-ley sobre el terrorismo, con toda la dureza que los tiempos exigen. ¿Tarde, a tiempo?. Su eficacia, que va precedida del antecedente de más de un delito terrorista por día, nos lo dirá. De momento, queda la seguridad de que el Gobierno corresponde a las demandas de rigor que la sociedad reclama…”.
Ao día seguinte do Consello de Ministros en Meirás, o 27 de agosto, publicase esta disposición no BOE e o día 28 comezan os Consellos de Guerra. O último deles comezaría o 18 de setembro rematando todos eles cun total de 11 persoas condenadas a morte.

Un consello de ministros conmutará as penas de morte por prisión de 6 persoas (Jose Antonio Garmendia, Manuel Blanco Chivite, Vladimiro Fernández Tovar, Concepción Tristán López, María Jesús Dasca Pénelas e Manuel Cañaveras). Ademais habería condenas de prisión para Pablo Mayoral Rueda (30 anos), Fernando Sierra Marco (25 anos), José Fonfría Díaz (25 anos).
Ese mesmo consello de ministros celebrado o 26 de setembro dará o “enterado” de outras 5 condenas a morte, polas que serían executados ao mencer do día seguinte: Xosé Humberto Baena Alonso (de 24 anos), Jose Luis Sánchez Bravo (de 19 anos), Ramón García Sanz (de 27 anos), Juan Paredes Manot (de 21 anos) e Angel Otaegi (de 33 anos)

O galego Xose Humberto Baena, preso no cárcere da Coruña en 1970
Entre os fusilados ese 27 de novembro de 1975 estará o vigués Xosé Humberto Baena que coñecería por primeira vez un penal como preso en maio de 1970, no que ingresaría no cárcere provincial da Coruña.
Nese ano vaise matricular na Universidade de Santiago en 1º de Filosofía e participará nas manifestacións estudiantís en desacordo co reitor de Filosofía e Letras, que Baena describiría nunha das cartas que manda desde prisión días antes de ser executado como “dirección do centro cun caracter completamente fascista”.
Nunha desas manifestacións será detido pasando posteriormente polas comisarías de Santiago e Vigo. Abriranselle duas causas. A primeira (a 26/70) instruida con orde do xulgado eventual de Santiago de Compostela onde se ordea o seu ingreso en prisión preventiva polos delitos de propaganda ilegal e por explosivo. A segunda, instruida polo xulgado de instrucción nº 1 da Coruña (sumario 448/70) como continuación e unión ao anterior, por asociación ilícita.
Por estas causas ingresará con 19 anos, no cárcere da Torre o 16 de maio de 1970, no que o Eladio Colino de Gomar, comandante de artillería e xuiz militar eventual de Santiago de Compostela, emitía o seguinte mandamento de prisión, dirixido ao director da prisión provincial da Coruña:
“En el procedimiento sumarísimo 26/70 que me hallo instruyendo por el presunto delito de Propaganda Ilegal y Explosivos, he dictado con fecha doce de los corrientes, contra JOSE HUMBERTO BAENA ALONSO, de 19 años, natural de Vigo, vecino de esta ciudad C/ de la Rosa nº 19-23 1º derecha, AUTO DE PRISIÓN INCONDICIONAL, sin incomunicación”.
O 2 de xuño dese ano de 1970, Humberto Baena solicita permiso para a asistencia a exames na Universidade. Ao día seguinte, o xuiz decreta a súa saida da prisión da Coruña, máis o calvario polo que tería que pasar Baena, lonxe de rematar, só estaba a comezar.

Tras o acontecido, Humberto Baena decide deixar os estudos e tenta buscar traballo, máis para elo precisabase un certificado de boa conducta que a policía negáballo unha vez tras outra. Tampouco podía sacar o pasaporte e o carné de conducir.

No mesmo ano no que o réxime franquista asasinaba a dous obreiros en Ferrol, dous anos após do seu paso polo cárcere da Coruña, o Tribunal de Orden Público (TOP) absolvía a Humberto Baena. Máis a represión contra él continuou. Unha represión que tamén viu contra a sociedade de Vigo, cidade na que viviu e na que foi testemuña de detencións contra os seus mellores amigos, simplemente polo feito de pedir mínimas liberdades.
O seu compromiso e loita antifranquista remataron nunha farsa de xuizo que o condenou a morte. Un asasinato de Estado ainda na impunidade.

Vista actual do antigo cárcere da Coruña


O Dictador!! ainda estando nas últimas non lle temblaba o pulso para seguir asasinando.moitisinas grazas polo voso traballo e moi valioso, nunca esquecernos de todas a atrocidades feitas pola dictadura franquista!!. agradecemento a” RECUPERACION POLA MEMORIA HISTÓRICA”