Actualidade

A AC Alexandre Bóveda e a CRMH reiteran que o Teatro Colón é o espazo natural para homenaxear a María Casares

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica queren manifestar a súa decepción polas declaracións feitas polo PSOE da Deputación da Coruña, recollidas hoxe na prensa, nas que se afirma que non se prevé modificar a denominación do Teatro Colón, malia a proposta destas entidades de que leve o nome da actriz coruñesa María Casares.

Cómpre lembrar que esta iniciativa non xorde de maneira illada nin caprichosa. Hai uns días, ambas entidades xa fixeron pública a súa posición contraria a que a futura Estación Intermodal da Coruña sexa bautizada co nome de María Casares, ao entender que non é o espazo máis axeitado para render homenaxe a unha figura esencial da cultura galega, do teatro europeo e da memoria do exilio republicano. Esta reflexión foi exposta nunha  CARTA ABERTA da AC Alexandre Bóveda, no que se argumenta que o Teatro Colón constitúe o “lugar natural” para recoñecer a traxectoria e o legado de María Casares, tal e como demandan amplos sectores da cultura coruñesa.

María Casares foi unha das grandes actrices do século XX, vencellada á escena teatral e símbolo dunha xeración truncada polo golpe de Estado de 1936 e polo exilio. A súa memoria non pode ser desligada do compromiso coa cultura, coa liberdade e cos valores democráticos. Por iso, consideramos que un teatro público, de referencia na cidade da Coruña, é o espazo máis coherente e digno para perpetuar o seu nome.

Neste sentido, queremos anunciar que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica presentará formalmente esta petición no vindeiro Pleno do Consello da Memoria, previsto para o mes de xaneiro, co obxectivo de que o Teatro Colón pase a denominarse Teatro María Casares. Trátase dunha proposta construtiva, respectuosa coa historia da cidade e coherente cos principios de verdade, xustiza, reparación e dignificación da memoria democrática.

Desde a AC Alexandre Bóveda e a CRMH apelamos á responsabilidade das institucións públicas para abrir un diálogo real co tecido cultural e social da Coruña e reconsiderar unha decisión que, lonxe de pechar un debate, evidencia a necesidade de abordar con máis profundidade como e onde honramos as nosas figuras máis senlleiras.

Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica
A Coruña, 29 de decembro 2025

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *