A area de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña organiza a segunda edición de “Fai Memoria”
Desde Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña veñen de presentar o programa da segunda edición de FAI MEMORIA, unhas xornadas de formación dirixidas preferentemente ao profesorado e persoas interesadas na materia arredor da memoria histórica nas aulas. Terán lugar o vindeiro sábado 25 de abril en Santiago de Compostela, no Centro Social Maruxa e Coralia en horario de 10h a 18.30h.
O obxectivo deste encontro é tecer redes de colaboración arredor da memoria democrática e a docencia formal e non formal, así como ofrecer ferramentas e recursos para traballar a memoria histórica na aula e promover o coñecemento, a reflexión e o debate entre o alumnado. E para iso é fundamental propiciar espazos de encontro e intercambio, posibilitando o traballo en rede, ofrecendo experiencias como inspiración e impulso e creando e compartindo materiais (testemuños, libros, filmes, unidades didácticas, roteiros, etc) que teñan cabida na aula tanto na parte curricular coma na extraescolar.
A finalidade desta iniciativa é converterse nun punto de encontro anual para que iso sexa posible.
Máis información e inscricións: https://faimemoria.gal/

