20 aniversario da CRMH da Coruña

“A Coruña non esquece”. Manifesto para a recuperación da memoria histórica d’A Coruña

Este manifesto foi presentado na Asociación Cultural Alexandre Bóveda o 10 de maio de 2005 e apoiado por numerosas entidades da Coruña, entre elas: CCOO, CIG, CNT, Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida, Partido Comunista de Galicia, CAF, CAE, Galiza Nova, A.C. O Facho, A.C. Alexandre Bóveda, Colectivo Urbano Lugrís, Asociación Sociopedagóxica Galega, Marcha Mundial das Mulleres, Asociación de Veciños de Monte Alto. Tamén asinaron a título persoal, entre outros: Isaac Díaz Pardo, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Manuel Lourenzo, Xosé Lois Martínez Suárez.

A Coruña non esquece

(Manifesto para a recuperación da memoria histórica d´A Coruña)

Queremos recuperar a memoria histórica porque non podemos entender o presente e construír o futuro se ignoramos o pasado. Non queremos esquecer que semanas despois da celebración, o 28 de xuño de 1936, do plebiscito do Estatuto de Autonomía para Galiza, un segmento das forzas armadas do Estado español, co apoio expreso de sectores e organizacións de ideoloxía fascista, se sublevou contra o réxime constitucional da II República e do seu goberno lexítimo e democrático. Tampouco queremos esquecer que, a raíz deste sublevación antidemocrática, cidadáns galegos, homes e mulleres de moi diversas ideoloxías –nacionalistas e non nacionalista, en todo caso leais ao réxime constitucional, ás liberdades democráticas vixentes naquel momento e ao Estatuto de Autonomía de Galiza– foron asasinados, pasaron á resistencia armada na guerrilla antifranquista, foron perseguidos e encarcerados até o exterminio, ou tiveron que padecer o exilio, continuando nel a súa loita polo restablecemento das liberdades do pobo galego e pola reconstrución dun réxime democrático na Galiza e no Estado español.

Queremos recuperar a memoria histórica porque a chamada transición política foi insensíbel ao recoñecemento destas vítimas da represión franquista e ao sufrimento e humillación que as súas respectivas familias padeceron durante os corenta anos da “longa noite de pedra” da ditadura. Por iso, non queremos esquecer a “hemorraxia interna” que seguimos a padecer mentres non se recoñeza legalmente que estas vítimas, consideradas criminais pola historia oficial escrita e contada con marchas marciais, simbolizan a dignidade e a liberdade na memoria histórica e democrática do pobo galego.

Queremos recuperar a memoria histórica para evitar que o fascismo prenda de novo na sociedade. Por iso, sabemos que se necesita desenterrar a “verdade” do que realmente aconteceu: un pobo, que entregou a súa vida na defensa das liberdades individuais e colectivas que hoxe disfrutamos, foi esnaquizado pola intransixencia dunha “cruzada” que liquidou un sistema democrático que lles resultaba incompatíbel aos golpistas e aos seus secuaces coa pervivencia dos privilexios que gozaban. Por iso, non queremos esquecer que a consolidación dun sistema realmente democrático pasa pola enérxica denuncia de todo o que representa o fascismo.

Queremos recuperar a memoria histórica porque nos doe o consentimento actualmente existente daquelas persoas e grupos políticos responsábeis da persistencia da simboloxía franquista nas nosas vidas. Non queremos esquecer a inxustiza que se está a cometer con todas as vítimas da represión franquista, ao permitiren que a memoria dos seus verdugos siga recoñecida institucionalmente nas nosas paisaxes urbanas polo seu ominoso mérito de teren asolagado en sangue as liberdades democraticamente conquistadas.

Non queremos esquecer que A Coruña é a cidade galega que máis honores rende ao franquismo coa presenza pública da simboloxía do seu réxime. Nas súas rúas (viaduto del Generalísimo, General Mola, General Sanjurjo, Teniente General Gómez de Zamalloa, División Azul, avenida de los Caídos, Almirante Vierna, Juan Canalejo…), nas súas prazas (Millán Astray, General Mola…), nos seu monumentos (estatuta a Millán Astray, placa ao General Cánovas Lacruz, etc.) e mesmo nos seus propios edificios públicos (Correos, concello da Coruña etc.), existen máis de trinta casos de recoñecemento público destas persoas executoras de tales actos de barbarie.

Queremos recuperar a memoria histórica para lembrar a todas as mulleres e a todos os homes que deron a súa vida, padeceron o exilio e sufriron depuración por defenderen as liberdades do pobo galego e a existencia dun réxime democrático en Galiza e no Estado español, na medida en que a súa memoria evita que o esquecemento prolongue a súa represión. Non queremos esquecer que somos o que lembramos mais tamén que somos o que esquecemos.

Non queremos esquecer que recuperando a memoria conseguimos que aqueles escuros días de morte, de exilio e de represión sexan no presente de vida, de luz e de gloria, porque a memoria constitúe realmente un paso máis para cumprir, como sinalara Castelao, a “vontade dos mártires na nosa terra”.

É hora de rescatar a historia e acabar con este pacto de silenzo. Esixiremos ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza que, canto antes, haxa unha rehabilitación moral, social e económica das vítimas da Guerra Civil e do franquismo. Traballaremos con outras entidades e asociacións que perseguen os mesmo obxectivos en Galiza e no Estado español. E queremos facer todo isto desde o respecto a toda a cidadanía, sen revanchismo e cunha actitude pacífica e democrática. Chamamos a todas as institucións –nomeadamente aos concellos– asociacións, entidades, organizacións políticas, sindicais, económicas e sociais da área metropolitana da Coruña e a toda a cidadanía para que se sumen a esta marea de liberdade e dignidade, apoiando este manifesto e colaborando coas actividades desta Comisión.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *