Actualidade

A Coruña rende homenaxe a Carmen Seijas, Republicana de Honra 2025

Carmen Seijas cumprirá 100 anos este sábado 12 de Abril, coa cabeza lúcida e rodeada de familia e veciñas.  Coincidindo co seu aniversario será nomeada Republicana de Honra 2025, a distinción anual que a CRMH ven outorgando, desde o ano 2008, a distintas figuras destacadas na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos civis.

Con este recoñecemento queremos poñer en valor o papel fundamental que na historia da Coruña desenvolveron tantas e tantas mulleres dos barrios da cidade que, como Carmen Seijas, souberon enfrontar con valor e determinación as durísimas condicións de vida nunha sociedade economicamente devastada e amordazada polo terror golpista de 1936.

Con este motivo terán lugar na cidade varios actos públicos:

* Mércores 9 de Abril ás 13:00 no salón de plenos do Concello da Coruña

   Recepción institucional coa presenza da homenaxeada, Carmen Seijas.

   Intervirán Carlos Babío, presidente da CRMH e Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

*Venres 11 de Abril ás 19.00 no Memorial da Avda. de Navarra

  Ofrenda floral ás vítimas do franquismo.

*Sábado 12 de Abril ás 21:00 no Hotel Meliá María Pita

  Cea da República e entrega do Premio “Republicana de Honra” á familia de Carmen Seijas.

  Coa participación de Isa Risco e a actuación de Xosé Luis Rivas (Mini)

  Tamén terá lugar un sorteo de libros

Carmen Seijas naceu o 12 de Abril de 1925 no barrio coruñés da Silva, un dos mais afectados pola represión franquista. Os seus irmáns eran asiduos do Ateneo O Resplandor do Abismo, impulsado entre outros por José Boedo, o pai de Pucho Boedo, onde os nenos e nenas das familias traballadoras aprendían a ler e escreber. A sua historia e a da sua familia e memoria viva do sec. XX da Coruña, das folgas obreiras dos anos 30, da época da Segunda República ou da represión que se cebou nesta familia e no conxunto do barrio. Un barrio de maioria anarquista onde familias enteiras, como a dos Seijas, foron represaliadas. A homenaxeada aínda lembra sucesos como os da fuxida do Portiño, na que un cento de mozos trataron de escapar daquela ratoneira na que se convertera a cidade da Coruña. Carmen Seijas tamén é memoria viva do entroido coruñés, onde coñeceu ao seu marido “O Queleré”, onde os mozos choqueiros da Silva aparecian disfrazados de “mulleres” guapas trastocando por uns dias a moral do nacional-catolicismo. Por iso no seu barrio a xente coñece a Carmen Seijas como “Maruxa a do Queleré”.

Para mais información sobre a historia da familia Seijas e do bairro da Silva:

Beatriz Gómez: 620 39 95 94

Partillar

Un comentario en «A Coruña rende homenaxe a Carmen Seijas, Republicana de Honra 2025»

  • Sempre me dixeron que esa familia xamais cambiou de traxectoria; fiéis aos mesmos ideais: a esquerda. Eso e digno de respeto e de aprecio.

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *