Actualidade

A CRMH da Coruña considera un espectáculo lamentábel e inmoral a poxa de bens mobles que teñen como beneficiarios aos herdeiros do ditador Franco

A poxa de bens evidencia un proceso no que o Estado e Xunta de Galiza non defenderon acaidamente estes bens. E no que se decidiu, lamentablemente, non atender tamén as reivindicacións da CRMH da Coruña para que as administracións competentes realizasen as actuacións de inspección necesarias, e no caso de atopar bens do dominio público, impedisen a enaxenación de ditos bens.

Neste sentido, a CRMH lembra que con independencia de que figurasen  ou non en inventarios, os bens de dominio público son imprescriptibeis e inalielabeis.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña lamenta e quere amosar publicamente a súa indignación diante do espectáculo nesa especie de “feira de oportunidades do franquismo”. Unha noxenta apoloxía moi lucrativa do réxime xenocida, que ten como únicos beneficiarios aos herdeiros do ditador Franco.

Esta poxa é consecuencia dun proceso no que a Administración Xeral do Estado e Xunta de Galiza encargaron inventarios e informes sobre os bens que formaban parte do inmoble nas etapas anteriores á morte do ditador en 1975 (elementos que estaban no Pazo de Meirás anteriores á chegada de Franco en 1938, e polo tanto ligados aos Pardo Bazán, e os do periodo da ditadura entre ese ano de 1938 e 1975).

O catálogo da poxa de bens, celebrada onte en Madrid (e ampliada ata mañá xoves), deixou en evidencia que moitos dos bens que formaban parte dél, teñen como mínimo unha aparente vinculación con bens ligados a eses etapas históricas, e polo tanto coa consideración de bens de dominio público. Algúns incluso son de doada identificación e demostración. Esiximos pois, desde a CRMH da Coruña, que se dean as explicacións oportunas de porque bens mobles do Pazo, que teñen a consideración anteriormente descrita, non foron incorporados aos inventarios que defendeu a avogacía do estado nos diferentes procesos de reclamación xudicial.

Un insulto e un atentado contra a memoria das vítimas do franquismo.

A trascendencia deste desleixo na defensa destes bens, atenta contra a integridade patrimonial do Pazo, quedando en boa medida de contido coa perda destes bens mobles. Máis tamén sobre a memoria y o respecto que unha sociedade democrática debe ofrecer e garantir ás vítimas do franquismo, que no caso do Pazo de Meirás foi, en maior ou menor medida, é a inmensa maioría da sociedade galega.

É inaceptábel que a máis de 50 anos da morte do ditador Franco, os seus herdeiros continúen a apropiarse de bens que teñen na súa orixe na ditadura franquista, e que contradín afirmacións realizadas na recente declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria como a seguinte:  “Meirás ha dejado de ser únicamente un símbolo de la apropiación y del poder franquista para convertirse también en un referente de la defensa de los valores democráticos y de la construcción de una memoria colectiva basada en la verdad, la justicia, la reparación y la preservación del patrimonio común”.

É moi evidente que estes días en Madrid, aconteceu xustamente o contrario desa afirmación publicada polo Estado no BOE.

Un proceso moi lucrativo para os herdeiros do ditador, que aconsella unha reflexión democrática

Como xa se comentou, a poxa é o resultado dun proceso no que se evidenciou unha pésima defensa do interese público, que ten como beneficiarios aos herdeiros do ditador. Máis non é este o único proceso pendente de executar ao redor do Pazo de Meirás, que tamén terá como beneficiarios aos Franco. E en ambos casos, con cifras sobre a mesa, que deberían facernos reflexionar como sociedade democrática.

Non esquezamos que esta pendente de executar a liquidación do estado posesorio coa condición de “posuidores de boa fe” (referidos aos herdeiros do ditador Franco) que conleva a que os Franco teñan o dereito a ser indemnizados cos gastos útiles e necesarios (mantementos, gastos e melloras) durante os 43 anos seguintes tras a morte do ditador (desde 1975 e ate que o estado interpuxo a demanda en 2019).

Dita condición foi recollida nun informe aportado no anexo documental da demanda polo estado, ao que nos opuxemos desde o memorialismo e tamén desde o Concello de Sada, e serviu como base na sentenza do TS para recoñecerlles aos Franco este dereito.

Polo tanto, ao impacto económico que ten como beneficiarios aos Franco na poxa de Madrid destes días haberá que sumarlle a indemnización que terá que practicar o Estado para liquidar o Estado posesorio. Uns ingresos que terán os Franco como resultado de procesos sobre o que as administracións recoñeceron dereitos aos herdeiros do ditador que resultan insoportabeis en termos morais e democráticos.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *