Actualidade

 A CRMH da Coruña convoca á cidadanía a participar nun acto reivindicativo este vindeiro sábado baixo o título “Descolguemos os retratos franquistas do Concello da Coruña”

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) tiña intención de organizar este vindeiro sábado 23 de maio, unha visita guiada ao palacio municipal de María Pita para evidenciar o grave problema democrático que padecemos na cidade. Lembremos que o percorrido interior á casa do Concello das coruñesas e coruñeses ofrece unha ampla e vergoñenta galería de cadros e recoñecementos a golpístas, alcaldes e cargos políticos franquistas.

O concello da Coruña non nos autorizou nin nos deu alternativa a celebrar a visita noutra data. Diante desta situación a CRMH da Coruña anuncia  que a pesar de non obter o permiso do concello para facer a visita guiada ao Palacio Municipal o sábado 23 de maio, mantemos a actividade levándoa á praza de María Pita. Alí levaremos as copias dos 18 cadros de golpistas e alcaldes franquistas expostos nas diferentes estancias do concello (incluído o despacho oficial da alcaldía) e os descolgaremos simbolicamente, demostrando que é un acto de hixiene democrática fácil e sinxelo.

Non hai trabas burocráticas a hora de descolgar un cadro. Este é un exemplo claro que evidencia a falta de vontade política por parte do goberno municipal para cumprir a Lei de Memoria Democrática e eliminar dunha vez a gran cantidade de simboloxía franquista que existe na nosa cidade, o que nos converte nunha vergonzosa excepción dentro do estado. Recordemos que, a partir da comparecencia da CRMH ante a Fiscalía de Dereitos Humanos e Memoria Democrática, hai un requirimento ao concello sobre esta cuestión, requirimento que non foi contestado a día de hoxe.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *