A CRMH da Coruña convoca xunto a outras 30 entidades, colectivos e entidades, concentración de protesta no Pazo de Meirás
Colectivos, asociacións de memoria de Galiza e do estado español, persoas da cultura e famiiares de vítimas en Meirás, presentaron na maña de hoxe na sede da Agrupación Alexandre Bóveda da Coruña un comunicado diante do anuncio doa acto propagandístico convocado pola Secretaria de Estado de Memoria no Pazo de Meirás
As entidades asinantes convocan concentración de protesta para mañá martes 2 de setembro ás 11.15 horas no Pazo de Meirás.
O comunicado que as entidades asinantes fixeron público, é o seguinte:
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) xunto coas entidades abaixo asinantes, quere facer públicas as seguintes consideracións en relación co anuncio do Goberno de España de declarar o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática, no marco do programa “España en Libertad. 50 años”:
1.Falsedades, incumprimentos e falta de garantías
A Lei 20/2022, de Memoria Democrática (LMD), establece con claridade no seu artigo 49 os requisitos para declarar un Lugar de Memoria. Este procedemento precisa dunha incoación formal, publicación no BOE, definición de réxime de protección e medidas provisorias. Nada disto se fixo con transparencia nin co rigor debido.
A CRMH da Coruña presentou o 15 de xullo de 2024 a solicitude formal para a declaración do Pazo como Lugar de Memoria Democrática, avalada por 26 entidades da Iniciativa Galega pola Memoria. A administración non incoou o procedemento no prazo legal de 12 meses, nin facilitou acceso ao expediente, nin respondeu ás nosas peticións de información, incumprindo a legalidade.
O acto anunciado polo Estado non é máis ca propaganda, un intento de disfrazar como resolución o que na realidade é só un inicio de procedemento, sen compromisos reais nin garantías para a preservación da memoria.
2.Usurpación do protagonismo social e galego
O proceso de recuperación do Pazo de Meirás foi obra do activismo social e memorialista galego, que puxo a investigación, a divulgación e a mobilización ao servizo desta causa. Foi o pobo galego quen logrou a reversión do espolio franquista.
O Estado pretende agora usurpar este protagonismo con actos baleiros de contido, como xa fixo en 2021 co chamado “Protocolo de actuacións” que quedou en papel mollado.
Denunciamos unha vez máis que non queremos fotos nin propaganda: queremos compromisos claros e efectivos sobre os usos do Pazo e a súa incorporación ao patrimonio galego.
3.Limitacións no acceso ao Pazo
Resulta inaceptábel que o Estado restrinxa as visitas, reducindo días e horarios, e mesmo limitando o acceso a zonas que antes podían verse cando aínda estaban en mans da familia Franco, obrigados a cumprir o disposto na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza
A visita ao interior das torres foi substituida por visitas aos xardíns e exteriores que deberían ter acceso público normalizado, e sen que os visitantes teñan que reservar
previamente nos poucos días e horarios no que se posibilitan as visitas, o que provoca que moitas persoas queden sen posibilidade de acceder en momentos de alta demanda como é o verán. Proba delo é que desde fai tempo non hai prazas dispoñibeis para facer a reserva previa.
4.Cincuenta anos de impunidade, non de liberdade
Vincular Meirás ao programa “España en Libertad. 50 años” é unha manipulación histórica. O que houbo en Meirás foron 50 anos de impunidade franquista e de blindaxe dos gobernos, tanto galego como estatal, ao espolio.
O tardofranquismo e a chamada transición consagraron este espolio, ata o punto de crear o “Señorío de Meirás con Grandeza de España” para a familia Franco.
O proceso de recuperación do Pazo está aínda inconcluso, pendente de decisións xudiciais e con actuacións incomprensíbeis por parte do Estado, como o recoñecemento dun suposto dereito de indemnización á familia Franco.
5.Espolio e patrimonio pendente de recuperar
Durante décadas, os Franco espoliaron obras de arte e propiedades vinculadas a Meirás, mesmo chegando a vender patrimonio público como se fose propio.
A día de hoxe, continúan a manter propiedades espoliadas, como a coñecida “Casa das Cunchas”, fronte ao Pazo, adquirida polo ditador en 1962, o mesmo ano en que espoliou tamén a Casa Cornide na Coruña. O Estado non actuou para recuperar os bens que siguen espoliados en Meirás, e o concello da Coruña sigue sen presentar a demanda para a recuperación da Casa Cornide e incumprindo a Lei en materia de simboloxía franquista.
As nosas reivindicacións:
1. O Pazo de Meirás debe ser declarado Lugar de Memoria Democrática con garantías, legalidade e transparencia, e non con meros actos propagandísticos.
2. Debe existir un plan de usos públicos claros, centrado na verdade histórica, na reparación das vítimas e na divulgación do espolio franquista.
3. O Pazo de Meirás ten que ser do pobo galego: a súa titularidade, xestión e usos deben ser transferidas a Galiza, recoñecendo o protagonismo da sociedade galega na súa recuperación.
4. Demandamos a recuperación doutras propiedades espoliadas pola familia Franco, como a Casa das Cunchas e a Casa Cornide, así como medidas firmes contra a impunidade histórica.
5. Exiximos menos propaganda e máis memoria, verdade, xustiza e reparación.
Meirás, 1 de setembro de 2025.
Asinan: ENTIDADES, COLECTIVOS E ASOCIACIÓNS DE GALIZA
– Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH)
– Colectivo “19 de Meirás”
– Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
– Agrupación Cultural O Facho
– Agrupación Cultural O Galo (Santiago de Compostela)
– Comisión en Defensa do Común
– Asociación Veciñal da Agra do Orzán
– Asociación Veciñal Oza, Gaiteira, Os Castros
– Asociación Veciñal Atochas, Monte Alto, A Torre
– Fundación Moncho Reboiras
– Confederación Intersindical Galega (CIG)
– Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral
– Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro
– Asociación Cultural Eira Vella (Betanzos)
– Plataforma Via Galega
– Fundación Galiza Sempre
– Fundación Manuel María
– Asemblea Republicana de Vigo
– Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova
– Comité pola Memória Histórica do Val do Límia
ENTIDADES, COLECTIVOS E ASOCIACIÓNS DO ESTADO ESPAÑOL
– Coordinadora de Apoyo a la Querella Argentina (CEAQUA)
– La Comuna, Asociación de presxs y represaliadxs por la dictadura franquista.
– Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica de Aragón-ARMHA
– Todos los niños robados son también mis niños
– La Comuna d’Asturies
– Plataforma andaluza de apoyo a la querella argentina
– Accion Ciudadana contra lmpunidad del Franquismo País Valencià
– Martxoak 3 Elkartea – Asociación 3 de Marzo
– Plataforma Vasca contra los crímenes del franquismo


estou totalmente dacordo co exposto.