Actualidade

A CRMH da Coruña demanda un acordo político-institucional para instar do Estado que non apele a sentenza do xulgado sobre o cárcere da Coruña

A CRMH lembra que os terreos do cárcere foron cedidos polo Concello en 1925 e unha vez desafectado do uso de prisión deberían ter sido revertidos gratuitamente ao Concello.

O Estado incumpríu as obrigas legais de conservación e rehabilitación do inmoble, polo que debe financiar súa posta en valor.

A CRMH precisa que o Estado devolveu gratuitamente edificios de antigas prisións a distintos concellos e non hai razóns para que non faga o mesmo na Coruña.

A CRMH da Coruña quere lembrar que o cárcere da Coruña representa un lugar singular na memoria da represión franquista na cidade da Coruña, pola que pasaron e penaron froito da barbarie do franquismo, persoas da Coruña, da súa comarca e incluso de fora dela.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña demanda un acordo político-institucional entre administracións, institucións e grupos políticos que teña como obxectivo instar de SIEPSE-Estado que non interpoña recurso de apelación contra da sentenza do Xulgado de A Coruña do pasado 5 de novembro, pola que, desestimando a demanda de SIEPSE, declarouse nulo o Convenio de permuta do 2005.

A firmeza de dita sentenza posibilitaría conveniar posteriormente a cesión gratuíta do edificio e terreos da antiga prisión así como o financiamento estatal para súa rehabilitación e posta en valor con destino ao uso dotacional público que se acorde.

A CRMH lembra que a firmeza de dita sentenza evitaría un manifesto enriquecemento inxusto do Estado, dado que o Convenio do 2005 (anulado agora pola sentenza de 5 de novembro) obrigaría a abonar un gran desembolso económico ao Concello da Coruña por un edificio construído en terreos que foran cedidos (donación modal) polo Concello en 1925 para uso de prisión, sen que o Estado procedese á súa devolución gratuíta, unha vez desafectados no 2009.

Unha reversión gratuíta que sí efectuou o Estado respecto doutras prisións, como nos casos de Zamora ou o mais recente de Granada.

A CRMH tamén precisa que o edificio do cárceres está catalogado polo planeamento municipal (nivel II, de protección estructural), a pesar do cal o Estado incumpríu, e segue incumprindo, os seus deberes legais de conservación, xerando coa súa pasividade a situación de estado lamentable e ruinoso que actualmente presenta o edificio.

Razón pola cal a CRMH demanda do Estado a aportación de fondos suficientes para súa rehabilitación e posta en valor, conveniando co Concello da Coruña a programación de tal investimento, que respecte e garanta a memoria da represión franquista deste equipamento, como lugar singular de memoria da cidade da Coruña.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *