Actualidade

A CRMH da Coruña e o IES Adormideras, organizaron na mañá de hoxe un roteiro da Memoria

A actividade organizada polo Departamento de Historia do IES Adormideras e a CRMH da Coruña, estivo colaborada e finanzada pola pola area de Língua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación Provincial da Coruña e contou tamén coa colaboración do Concello da Coruña, a Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto A Torre e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.

A programación de actividades ao redor deste roteiro de memoria incluiu unha conferencia no instituto do investigador e membro da CRMH da Coruña Rubém Centeno sobre os lugares e memoria da represión da contorna do instituto, tales como o campo da Rata, o cemiterio de Santo Amaro ou o cárcere da Torre.

En total participaron no roteiro un total de 58 alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES de Adormideras

As 10 da mañá de hoxe, iniciabamos o roteiro da memoria que viñamos preparando desde fai tempo desde o Departamento de Historia e a dirección do IES Adormideras e Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e que conduciu durante todo o percorrido o escritor e músico Xurxo Souto e fixo a primeira das paradas do roteiro para explicar historias relacionadas cos espazos do entorno do Club do Mar.

Alí tamén explicou a relación e as motivacións da creación desta entidade coruñesa durante a etapa republicana.

A segunda parada da mañá realizouse no Memorial “Xérmolos de paz de liberdade” localizado na Avenida de Navarra, onde Carlos Babío en nome da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica explicou a razón da existencia dese monumento nese lugar e a importancia que ten lembrar e recoñecer ás vítimas do franquismo.

Organiza:

IES Adormideras

Colaboran:

Agradecementos a:

Da Avenida de Navarra diriximonos á seguinte parada na rúa adicada ao irmáns da Lixivia, onde Luis Lamela, historiador e recoñecido investigador no campo da Memoria Histórica galega fixo un breve percorrido pola vida destes irmáns, varios deles fusilados no campo da Rata (como Bebel e France) , ou fuxidos como o caso de Pepín.

Moi perto desta rúa fixemos a seguinte parada. En concreto na rúa adicada ao galeguista Pedro Galán Calvete vítima mortal tamén da represión franquista en 1936. María xosé Bravo, presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, encargouse de facer unha semblanza da vida de Pedro Galán.

A seguinte parada do roteiro a realizamos na propia rúa de Pedro Galán Calvete, onde existe unha vista privilexiada da parte traseira do antigo cárcere da Coruña, un lugar significado na memoria da represión franquista na Coruña. Nese punto contamos coas intervencións de Camilo Pardo da Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto-A Torre que fixo un percorrido sobre a historia do inmoble. Tras él, tomou a palabra Manuel Villares, membro da Xunta Directiva da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e condenado a prisión como preso político durante o franquismo, que narrou a sua experiencia como represaliado no cárcere da Coruña e a importancia de coñecer e non esquecer o que realmente aconteceu no pasado.

Do cárcere deprazámonos á última parada programada no roteiro. Un lugar de grande siñificado na memoria da represión na Coruña. O monumento aos fusilados da autoría de Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata, onde tomou a palabra a directiva da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Beatriz Gómez Amigo. Deixamos aquí a súa intervención que titulou como “Historia dunha foto anónima”:


Moitas grazas polo voso convite, no nome da CRMH da Coruña
A foto que veredes neste monumento, hoxe non é anónima. Mais no tempo en que foi sacada, un 23 de outubro de 1936, ás agachadas, dende unha das garitas que protexían o polvorín militar deste lugar das Durmideiras, SÍ ERA ANÓNIMA. Na garita estaba o soldado de remplazo, José Sáez con sua cámara.
Naqueles tempos, o servizo militar facíase obrigatoriamente. E algo que causou moito malestar entre os mozos foron as levas obrigatorias, para loitar na frente de guerra, contra o goberno legal da Segunda República, fora de Galiza.
Cando estalou a sublevación militar, moitas persoas foron asasinadas, encarceradas, torturadas, outras moitas fuxiron ao exilio ou ao á loitar na frente republicana; saíron desta cidade, que era como unha cárcel xigante, polos montes ou polo mar. Pero moitísimas máis ficaron agochadas, sexa nas suas casas ou polos montes da contorna, ou volveron facer sua vida anterior, ao traballo. Mais as suas ideas de liberdade, de anceios de cultura, de mellora salarial… non morreron; senon que silenciáronnas. Algúns rebeláronse, na medida do posible.
Esta foto fala desa rebeldía duns mozos que facían o servizo militar, no cuartel das Atochas. Pensaban que poderían, coa axuda de militantes anarquistas de fora do cuartel, sublevarse contra os mandos militares.
Foron denunciados, xulgados e sentenciados á morte, tres días despois. Un 23 de outubro de 1936.
Un rapaciño, de dez anos daquela, lembrou, oitenta anos despois, o que el viu. Un Tte. Cor. a cabalo, Bacorel, os nove rapaces que ían ser fusilados, a moita vixilancia ao seu redor, e as centos de persoas, ás tres da tarde, que ocupaban as rúas. Saíran dende o cuartel das Atochas, e viu o paso da comitiva dende a Rúa da Torre. As familias dos nove mozos, a veciñanza, os curiosos e curiosas berraban contra os asasinos.
Esta foto reflexa o “teatriño” que organizaron, cun palco para as autoridades, a banda de música militar, con xentes, cómplices, aplaudindo o asasinato masivo.
A partires deste terrible acontecemento, NUNCA MÁIS volveuse fusilar de día, senon que facíase ao mencer, de noite, sen testigos.
Seguiu facéndose contra as paredes de pedra dunha casa vella, que había aquí, no Campo do Rata, como lembraba Manuel Pillado. El era un dos amigos dos da Legía, e viñan, antes da sublevación, xogar ás penas do mar, a bañarse á praia de Sto. Amaro. Lembraba o sangue pola casa vella, onde vivira un mendigo, e tamén as penas do mar da Torre, luxadas coa sangue de inocentes.
Con vosa colaboración, imos pasar lista:
Volutario /a para ler os no nomes???
Todos berramos alto, ASASINADO!!!

Cabo José Neira Suárez, ASASINADO
Soldados Manuel Seoane Díaz, ASASINADO
Tomás Longueira Bermúdez, ASASINADO
Juan González Horta, ASASINADO
Antonio Barreiro Méndez, ASASINADO
Luis López Gómez, ASASINADO
Manuel Ferreiro Novo, ASASINADO
Manuel Obelleiro Meijide, ASASINADO
Adolfo Ponte Rodríguez, ASASINADO

Para que NINGUÉN vos poida ocultar a VERDADE,
Para que poidades desfrutar da vosa xuventude en LIBERDADE e con XUSTIZA, escoitamos a XURXO SOUTO o que nos vai contar.
GRAZAS

O acto rematou coa lectura dos poemas do memorial (Fronte o mar tenebroso de Uxío Carré Alvarellos e Ay! de Federico García Lorca e cos agradecementos a todas as persoas que fixeron posíbel a realización deste roteiro, de xeito moi especial ao profesor do IES Adormideras Carlos Parga

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *