A CRMH da Coruña esixe ao Concello a convocatoria inmediata do Consello de Memoria Democrática e a inclusión da sociedade civil nas políticas de memoria
Diante do anuncio sobre solicitudes realizadas e presentadas ante o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática por parte do Concello da Coruña para que se declaren Lugares de Memoria a Casa Casares Quiroga, a Casa Cornide e a contorna da Torre de Hércules, desde a Comisión pola Memoria Histórica da Coruña queremos facer público o seguinte:
- Parécenos inaceptábel o incumprimento sistemático por parte do goberno municipal do seu compromiso para convocar o Consello de Memoria Democrática, organismo que inclúe ás asociacións memorialísticas e que foi creado, precisamente, para impulsar as políticas memoria na cidade. Este organismo creouse en Outubro de 2017 como órgao consultivo, de participación e de recuperación da memoria das vítimas do franquismo e de atención e apoio aos seus descendentes directos.
- Parécenos tamén insólito que, ante unha solicitude deste calibre, non se teña xa reunido o Consello Memoria Democrática, órgao que debería coñecer previamente os informes realizados polo Instituto Cornide, e que supón, de facto, un desprezo ao coñecemento e à opinión de quen traballamos dia a dia no eido da memoria na cidade.
- Sen sociedade civil nin movemento memorialístico non pode haber avances efectivos nas políticas públicas de memoria. Concebimos a memoria como un dereito fundamental da Sociedade e polo tanto consideramos enriquecedora e necesaria a participación da propia sociedade civil nas iniciativas públicas que teñan a ver con estas políticas, tamén na definición e proposta dos lugares de memoria. Moito máis cando existe ese órgao de participación que o Concello, a pesar dos acordos adoptados, non convoca.
- Neste sentido, queremos lembrar que en Novembro de 2024 xa solicitamos a convocatoria dun pleno ordinario para a actualización de dito Consello e que, hai xa 4 meses, o pleno do Concello da Coruña aprobou (a iniciativa do BNG e co apoio do PSOE) unha moción para que “o Goberno Municipal actualice a composición do Consello de Memoria Democrática e convoque un pleno ordinario á maior brevidade conforme ás normas de funcionamento que determina o regulamento”.
- Independente das cuestións comentadas, e sen menoscabo delas, non se comprende a falta da mais mínima transparencia do goberno municipal da Coruña ao non publicar os informes presentados diante da Dirección Xeral competente (segundo o establecido no artigo 49 da Lei de Memoria Democrática).
- Valoramos positivamente que se amplíen as solicitudes de declaración de lugares de memoria á contorna da Torre de Hércules e á Casa Cornide, ademais da Casa Museo Casares Quiroga. Máis, ao mesmo tempo, pedimos que non se esqueza nen se marxine a potencialidade da sociedade civil da Coruña e do seu movemento memorialístico, que tén moito que aportar, e que pode contribuir decisivamente a converter a nosa cidade nun referente da memoria.

