Actualidade

A CRMH da Coruña esixe coñecer que técnicos e que asociacións traballan co goberno do Estado para definir os usos do Pazo de Meiras

  • O subdelegado do goberno afirmou que se están a realizar traballos de definición de usos de Meirás que a CRMH descoñece
  • Nunha entrevista radiofónica comprometeuse tamén a apoiar a recuperación de corpos de represaliados en fosas das que a CRMH quere coñecer como e cando se van a desenvolver estes traballos

Diante das declaracións do subdelegado do goberno que afirmou categoricamente  nunha entrevista emitida recentemente o pasado día 20 por Radio Coruña, que se está a traballar na definición sobre os usos futuros do Pazo de Meirás. Neste sentido afirmou que “os técnicos están a traballar coas asociacións de memoria democrática”. (A entrevista integra pode escoitarse premendo nesta ligazón)

Desde a CRMH da Coruña esiximos ao goberno que explique publicamente que técnicos son os que están a traballar nesta definición, e sobre todo, que asociacións de memoria democrática foron convidadas a colaborar nestes traballos.

Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña quedamos sorprendidos diante deste anuncio, tendo en conta que lonxe de que o Estado contactase coa nosa asociación, o certo é que a Secretaria de Estado non tivo interlocución algunha a respecto das nosas propostas, dando sempre como resposta o silenzo administrativo. Nin a estructura territorial do goberno nin a Secretaria de Estado de Memoria Democrática escoita ou chama á CRMH da Coruña para falar de nada que teña que ver con Meirás. Sorprendente, pero certo.

O Sr. Abalde debería saber que a revindicación da propiedade, a divulgación, investigación e coñecemento sobre os abusos de Meirás, ocuparon boa parte dos traballos que a nosa asociación desenvolveu nos seus 20 anos de historia, polo que reiteramos a esixencia de que técnicos e que asociacións son as que están a realizar os traballos anunciados polo Subdelegado do Goberno

O ESTADO DESCOÑECE ONDE ESTÁN A MAIORIA DAS PERSOAS ASASINADAS NA GALIZA DURANTE A DITADURA

 A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), ante as declaracións realizadas na mesma entrevista citada e emitida este pasado 20 de Novembro,  polo Subdelegado do Governo, Julio Abalde, de que “apoiará a recuperación de corpos de represaliados en fosas como as de San Amaro” quere fazer público o seguinte:

O descoñecemento oficial en torno á fosa de Sto. Amaro non é unha excepción. A realidade é que a imensa maioria dos restos das 5000 persoas asasinadas durante a ditadura, non só non están recuperados, senón que o Estado ignora onde están. Nen sequera existe unha base de dados oficial que dé conta dos diferentes grupos de represaliados ou fusilados e os lugares onde foron feitos desaparecer.  Como os van recuperar?

Segundo dados oficiais da Secretaria de Estado de Memoria Democrática na provincia da Coruña figuran documentadas 27 fosas,  26 na provincia de Lugo, 17 en Ourense e 26 en Pontevedra. Un total de 96 fosas. Segundo Julio Abalde o traballo de documentación de fosas ainda está aberto a incorporacións pero a realidade é que, en pleno 2025, os dados oficiais ignoran onde están a imensa maioria das persoas asasinadas.

Segundo as mesmas fontes oficiais, en Asturias, cun número inferior de persoas represaliadas (4.700) están documentadas 383 fosas e en Navarra, con 3.500 represaliados, aparecen documentadas 342 fosas.

Como pode ser que na Galiza, con 5.000 represaliados, só haxa documentadas 96 fosas? A realidade é que son moitas, moitísimas, as fosas que ainda están sen documentar por todo o territorio galego. Unha proba mais do nivel de impunidade no que se encontran os crimes da ditadura.

O Estado ten a responsabilidade de buscar aos 5000 cidadáns galegos asasinados no franquismo que continuan desaparecidos. É intolerável para as familias e para o conjunto da sociedade galega que ainda estexamos nesta situación.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *