Actualidade

A CRMH da Coruña esixe da Xunta adopción de medidas coercitivas mais severas, incluída a vía penal, contra da contumaz resistencia dos Franco ao cumprimento dos seus deberes legais de apertura ao público da Casa Cornide.

Unha sanción de 3.000 €, por 4 anos de incumprimento, ademais de ser de escasa cuantía, non resolve a realidade dun Ben de Interese Cultural que segue pechado ao acceso público.

A firmeza administrativa da sanción de 3.000 € imposta pola Xunta aos Franco por incumprimento do seu deber de apertura da Casa Cornide non evita a persistencia do manifesto e reiterado incumprimento polos Franco das súas obrigas legais. Razón pola cal a CRMH esixe da Xunta a adopción de medidas coercitivas mais severas, que deben incluír a adopción da vía penal contra dos Franco, ao amparo do art. 289 do Código Penal.

A CRMH lembra ao respecto que os Franco levan incumprindo seus deberes legais de apertura ao público o BIC Casa Cornide desde maio de 2021 (acordo de incoación do expediente BIC). Mais de 4 anos de incumprimento e de flagrante burla ás súas obrigas legais. Un incumprimento que foi tolerado pasivamente ou cunha morna reacción pola Xunta de Galicia.

Unha sanción de 3.000 € por 4 anos de incumprimento legal amosa claramente dúas cousas : a primeira, que a Lei de patrimonio Cultural de Galiza debe ser modificada (para cualificar de grave ou moi grave o incumprimento do deber de apertura dun BIC) e, segunda, que cando as sancións económicas non son eficaces, debe acudirse a outras vías coercitivas, incluída a penal. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *