A CRMH da Coruña lembra ao conselleiro de Cultura que o convenio que no seu día se asinou cos Franco para a apertura do Pazo de Meirás, levou aparellado un gasto público por parte da Xunta de Feijoo de 39.200 euros
No día de onte, o conselleiro de Cultura, José López Campos deu conta da resposta da familia Franco ao expediente sancionador, polo incumprimento do réxime de visitas públicas e de balde á Casa Cornide, na que se inclúe unha proposta de colaboración entre a Xunta de Galiza e a familia Franco
A apertura ás visitas públicas de balde da Casa Cornide, recollidas como un dereito da cidadanía na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, sigue un proceso igual que o que aconteceu no seu día tras ser declarado o Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural.
En ambos casos, reprodúcese a resistencia e negativa da familia Franco a cumprir a Lei e impedir a apertura deste ben, coa permisividade e pasividade da Xunta de Feijoo, no seu día no caso do Pazo de Meirás, e da Xunta de Rueda no caso da Casa Cornide na actualidade.
Tamén en ambos casos, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, xunto a outras persoas e colectivos, tivemos que denunciar publicamente, e mesmo diante do Valedor do Pobo (no caso de Meirás no seu día) e da Valedora do Pobo (no Caso de Cornide recentemente) esa pasividade e complicidade da Xunta de Galiza diante do manifesto incumprimento da legalidade da familia Franco.
E en ambos casos tamén, tras as denuncias públicas, as negativas dos Franco a cumprir a Lei, as actuacións da oficina d@ Valedor/a do Pobo e os expedientes sancionadores, chegamos ao punto (ao igual que en Meirás no seu día) da proposta de colaboración coa Xunta de Galiza. En concreto, anunciou o conselleiro “unha fórmula de convenio para permitir as aperturas”.
Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, queremos lembrarlle ao Conselleiro de Cultura que en Meirás, o Pazo declarouse Ben de Interese Cultural no ano 2009, e que tras os procesos de incumprimentos antes comentados por parte da familia Franco, este ben abriuse á visita pública no ano 2011 tras outro “convenio” asinado pola Xunta de Galiza que daquela presidía o Señor Nuñez Feijoo.
Desde a CRMH da Coruña denunciamos daquela que a apertura do Pazo tamén levou aparellada o pagamento da seguridade (39.200 euros) dun ben espoliado (como logo demostrouse xudicialmente) tras os reiterados cumprimentos. O colmo dos colmos.
Polo tanto, reclamamos o cumprimento da legalidade sen novos privilexios á familia do ditador, esto é, a apertura inmediata e de balde da Casa Cornide durante un mínimo de catro dias ao mes durante catro horas.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña reclama a devolución para o patrimonio público deste ben espoliado polo franquismo para o seu enriquecemento, feito este documentado sobradamente. Unha anomalía democrática que nos apela como sociedade e precisa o compromiso das institucións e dos poderes públicos de maneira urxente. Esiximos tamén a interposición das accións xudiciais civiles oportunas para anular o título de propiedade dos Franco