A CRMH da Coruña lembra novamente ao Concello da Coruña as obrigas pendentes en materia de simboloxía
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de presentar un novo escrito lembrando ao Concello que A Coruña representa xa unha triste singularidade tras anos de incumprimentos e inacción sobre a retirada de elementos contrarios á memoria democrática.
A CRMH lembra tamén á alcaldesa que se están a incumprir o réxime de convocatorias do Consello da Memoria Democrática na cidade, e que dase as costas aos acordos deste organo relativos ao cumprimento da legalidade vixente en materia de memoria
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de presentar un escrito diante do Concello para que se cumpran os acordos e normas na cidade en materia de Memoria. Tamén no que ten que ver co incumprimento sistemático por parte do goberno municipal do seu compromiso para convocar o Consello de Memoria Democrática, organismo que inclúe ás asociacións memorialísticas e que foi creado, precisamente, para impulsar as políticas memoria na cidade.
Parécenos tamén insólito que o concello da Coruña de as costas ás propostas básicas de cumprimento da legalidade, ignorando sistematicamente as obrigas legais que en materia de simboloxía franquista ten pendentes por abordar. Resulta moi triste que derivado de anos de incumprimentos, o concello da Coruña represente hoxe un reducto singular no conxunto das cidades do estado con símbolos e elementos contrarios á memoria democrática.
Neste sentido demandamos que con carácter urxente se de cumprimento ao acordo adoptado no CMD, tendente a que o cumprimento da legalidade vixente non sexa unha opción senón unha obriga básica do funcionamento democrático dun goberno e unha institución como é o Concello da Coruña, neste caso en materia de memoria democrática.
Demandamos tamén que se cumpran os prazos e normas do CMD e que a alcaldesa retome o dialogo con entidades como a CRMH da Coruña, que levan anos demandando cuestións básicas en materia de simboloxía e outros aspectos da memoria da cidade.

