A CRMH da Coruña lémbralle ao Estado que fai 50 anos o que houbo ao redor do Pazo de Meirás, foi unha operación de blindaxe da transmisión da propiedade á familia do ditador Franco e a elevación a rango de nobreza do espolio de Meirás por parte da monarquía española
O Estado ven de anunciar a futura declaración do Pazo de Meirás como lugar de Memoria Democrática, unha demanda esta que promoveu o asociacionismo memorialista galego xunto coa petición da mesma declaración para a Illa de San Simón. Máis esta se enmarca dentro dun programa de actos para celebrar “50 anos de libertad” no que dise que se inicia o proceso democrático, cando en Meirás aconteceu xustamente o contrario.
A CRMH da Coruña solicita, unha vez máis, o cumprimento da legalidade no Pazo de Meirás
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña no seu nome e representación, e na de outras 27 entidades máis, representativas do mundo asociativo galego ligadas á cultura e á memoria histórica antifranquista, coordinadas e organizadas todas elas na Iniciativa Galega pola Memoria, presentaba no pasado mes de xullo escrito de solicitude de incoación do procedemento para declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática de acordo co establecido nos artigos 49 e 50 da Lei de Memoria Democrática.
Recentemente, e a través dos medios de comunicación, tivemos coñecemento da intención de declarar o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón (petición presentada pola Iniciativa Galega pola Memoria xunto coa do Pazo de Meirás o pasado mes de xullo). A valoración, loxicamente, ten que ser positiva, como así se fixo, xa que se anuncia a toma en consideración das solicitudes comentadas.
Máis como xa se comentou nun comunicado recente da Iniciativa Galega pola Memoria, a única resposta que recibimos á nosa solicitude foi un agravio á nosa língua , xa que o estado o único trámite que fixo a este respecto foi demandarnos o pasado mes de outubro a tradución dos escritos de solicitude ao castelán.
Fai 50 anos, e no caso concreto do Pazo de Meirás, non houbo ningunha “historia de éxito”, senón unha reivindicación constante dun espolio durante 47 anos polo memorialismo galego
Agora tamén sabemos, e novamente a través dos medios de comunicación, que estas declaracións enmárcanse dentro do programa chamado “España en libertad-50 años”, cando hoxe sabemos e está incluso sentenciado que en Meirás, fai 50 anos non comezou ningún proceso democrático ao respecto do Pazo de Meirás, senón todo o contrario. Executouse e tentouse blindar un espolio franquista coa participación (por acción ou omisión) dos poderes públicos do estado e a complicidade necesaria da Casa Real española. Lembremos:
1º. Franco vai nomear no seu testamento en 1968 a Fernando Fuertes como albacea, persoa que obstentaba a Xefatura da Casa Civil (ente que xestionaba entre outros bens, o Pazo de Meirás) xunto a Pedro Nieto Antunez, naquelas alturas ministro de Mariña no goberno de Franco. Fernando Fuertes continuará tras a morte do ditador Franco na estructura da Casa Real, como alto cargo de Patrimonio Nacional.
2º. O Pazo de Meirás, xa que logo, non pasa a ser hai 50 anos patrimonio público. Pasa a patrimonio da familia Franco ao facerse válida unha escritura de 1941. Un compra simulada, como está recollido no texto de dúas sentenzas, co fin de perpetrar e blindar o espolio. Un proceso deseñado polo propio franquismo.
3º.- Unha das primeiras decisións da restauración da monarquía de Juan Carlos de Borbón tras só días despois da morte de Franco, será a creación do Señorío de Meirás. A elevación a rango de nobreza dun espolio que se lle concede á viuva do ditador con rango de “Grandeza de España”.
4º.- Xa que logo, non se inicia hai 50 anos ningún proceso de normalización democrático ao redor do Pazo de Meirás, senón todo o contrario. Unha tentativa constante de blindaxe e ocultación dun espolio, contra o que se revelou durante anos a cidadanía e o asociacionismo memorialista galego, que por certo non foi convidado aos actos de presentación do programa de actos. E non será ate o ano 2017 (42 anos despois da data que se inicia ese proceso democrático) cando unha administración pública (a Deputación da Coruña) cree un ente que recolla e de forma ás reivindicacións sobre a devolución ao Patrimonio Público do Pazo.
En resumo, celebramos o anuncio do Estado de declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria, cuestión esta que reiteramos, mais esta non debe servir para blanquear ou ocultar procesos que nada teñen que ver coa democracia e sí cos restos do franquismo.

Menos propaganda e manipulación e máis cumprimento e respecto da legalidade
Lembrar a estre respecto que o estado, e coa pasividade e complicidade da Xunta de Galiza incumpre o réxime de visitas ás Torres de Meirás. Lembremos que este ben é desde o ano 2008 un ben declarado como BIC coa categoría de sitio histórico pola súa vinculación coa escritora Pardo Bazán e por ser o Pazo de Meirás residencia estival oficial da Xefatura do Estado franquista.
A Lei establece o dereito dos cidadáns á visita de balde uns determinados dias e horas cada mes, que ate o ano 2020 xestionou de maneira bastante restrinxida, primeiro a familia Franco, e despois a Fundación Franco.
Desde que o Estado tomou posesión (en execución provisoria de sentenza) do Pazo de Meirás (decembro de 2020) decidiu pechar ás vísitas a calquer dependencia interior do Pazo, cuestión esta lamentable, incomprensible e que vai contra a legalidade. Todo elo coa pasividade da Xunta de Galiza, que ten as competencias en materia de patrimonio cultural, e xa que logo, facer o réxime de visitas conforme ao disposto na Lei. É por elo que solicitamos a intervención do Defensor del Pueblo para que lembre a estas administracións as súas obrigas legais.
Lembremos tamén que o Estado incumpre os seus propios acordos ao respecto do pazo de Meirás. O 26 de xuño de 2021, a quen era daquela Vicepresidenta do Goberno Carmen Calvo e o Secretario de Estado de Memoria, Fernando Martínez, visitaban o Pazo de Meirás para asinar un protocolo de actuacións entre o Estado (propietario en execución provisoria de sentenza) e os concellos de Sada e A Coruña, Xunta e Deputación Provincial para xestionar e coordinar as actuacións no Pazo mentras non existise firmeza nas resolucións xudiciais pendentes.
Aquel día, representantes do activismo memorialista protestamos diante da porta do Pazo de Meirás, considerando aquela visita como un acto de propaganda do goberno, e así fixémosllo saber aos representantes do Estado, que baixo lemas como “+Feitos e – Fotos” denunciaban a actitude do goberno.
Pois ben. Pasaron mais de 3 anos desde que se asinara dito protocolo e o tempo deunos a razón. Non se desenvolveu ningún dos aspectos acordados polo Estado no documento. Nin sequera se constituiron de xeito formal as comisións previstas (unha de seguimento e outra técnica). Nunca se reuniron desde a sinatura do protocolo.
As actuacións e permisos para realizar actividades no Pazo de Meirás non se someten a ningún protocolo (nin ao que incumpre o estado nin a ningún outro criterio), polo que as decisións sobre o que se autoriza facer en Meirás é absolutamente arbitrario, cando non se denega todo por sistema.