Actualidade

A CRMH da Coruña nomea a María Carmen Seijas como Republicana de Honra 2025

O xoves 10 de abril celebraremos un acto instituicional coa homenaxeada no Concello da Coruña, entre os actos que celebrará a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

A CRMH da Coruña entrega a distinción de Republican@ de Honra desde o ano 2008

A asemblea de soci@s da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña ven de nomear a María del Carmen Seijas Díaz como Republicana de Honra 2025, distinción que será entregada durante os actos que a CRMH da Coruña ten programados ao redor do Día da República e que serán os seguintes:

  • Xoves 10 de abril ás 13 horas. Recepción institucional no Concello da Coruña.
  • Venres 11 de abril ás 13 horas. Ofrenda floral ás vítimas do franquismo no memorial da Avenida de Navarra (A Coruña)
  • Sábado 12 de abril ás 21:30 horas. Cea da República no Hotel Meliá María Pita de A Coruña.

María del Carmen Seijas Díaz naceu Maruxa o 12 de abril de 1925 (Cumprirá polo tanto o día da Cea da República 100 anos) no n º 19 da Silva, diante da Gandería, no alto da Benela. Filla de Elvira Díaz, a “fogueteira” e Eugenio Seijas. Era das irmás pequenas, dun total de oito fillos e fillas. É historia viva de dous séculos, dos tempos da República, da represión da Ditadura franquista e dos días actuais. Lembra a Silva, Cances, A Moura, a Fontenova… e os habitantes que estaban e xa non están. Amigos que se foron, xóvens asasinados polo franquismo, irmáns que sofreron tormentos e cárcere. Familiares que pagaron seu atrevemento de querer vivir en liberdade con cadea e morte, en Coruña e ata nos campos de exterminio nazi.

O seu pai traballaba en augardentes, frente á Cervigón; e tamén no “aspeirón”, nas terras brancas que se empregaban para limpar as cociñas que o puxo enfermo do pulmón, e levouno a morte con 72 anos. Elvira traballaba de cigarreira, e en moitas ocasións levou adiante a familia.

Así lembra Maruxa, cando tiña oito anos, a terrible folga coruñesa da construción. Na familia, todos tiñan que estar de folga, salvo a súa nai. Foron seis meses de miseria e fame. A masacre deste barrio, de maioría anarquista, chegou co 18 de xullo do 36. Entre outros José Boedo, así como os amigos Arturo Meirás, Holando Mosquera, Fernando Pombo, que pagáronno coa vida. Logo Luis Lafuente Naveira, Francisco Díaz, así como José Antonio Boedo, no 1937. E os seus irmáns, Fernando, Marcelino, José Añón, Enrique R. Gante, Arturo Valeiro …con longos anos de cadea.

Maruxa, con once anos, limpaba o peixe na Pichiqueira, na fontiña ao pé da casa dos Meirás, e cerca das 12 escoitou as sereas dos barcos. Empezaba a guerra, o 18 de xullo de 1936. Moita xente!: homes, mulleres e cativos fuxían co que podían cara á Silva, Bens, Meicende….

Na República ían todos ao Resplandor en el abismo, o ateneo libertario da Fontenova, onde aprendía a escriber e ler a veciñanza, así como a formarse nun espírito combativo de loita polos direitos laborais. O Resplandor foi logo espoliado por Falange e convertido en comedor social, onde adoutrinar ás crianzas, salvo a familia Seijas, á quen Eugenio lle lo proibía.

Moitas noites espertaban a familia a culatazos na porta, en busca de seu irmá Argimiro, ata unha noite levaron ao seu pai en calzóns, co pantalón na man, ao cuarteliño. “Sorte que estaba de garda o Cabo Sanjurjo que salvouno do peor, como tiña salvado moitas veces a Argimiro avisándoo do perigo, para agocharse”.

O seu irmán Argimiro fuxira por mar, grazas á asociación clandestina do “Despertar marítimo”, en outubro do 1936. Incorporouse á loita co goberno legal en Bilbao, e cando caeu a cidade, en marzo de 1937, pasou a un campo de concentración en Burgos. Tres anos de ver morte e máis morte..; indultáronno de pena capital, e xulgáronno na Coruña.

Pena de morte de novo, e indultado por 30 anos de cadea. Como familia de “linterneiros” facianlle ás potas un dobre fondo onde pasaban as notas que informaban da situación na cadea da Coruña. Maruxa levaba ás veces esas potas de comida, quese repartían entre os compañeiros que nada recibían, para aliviar en parte a fame na cadea.

Outro dos dramas de Carmen e sua familia pasou aquel 3 de marzo do 1937, cando Fernando e moitos outros mozos da cidade e comarca, tentaron fuxir por mar, para loitar pola República.

Uns asasináronnos e outros pasaron ser “topos” nas casas da familia, como Fernando, que chegou andando descalzo á Silva, dende o mar de Bens, perto do Portiño, ao que agocharon na Silva e na casa da sogra. O 18 de xullo de 1937 mudoulle de novo a vida a familia de Carmen Seijas. Alejandro B. Palacios, marido de María, irmá de Eugenio Seijas, foi apresado, con J. Torres, e ambos “paseados” no camiño cara ao cárcere, na canteira do Matadoiro…

Encadearon á esposa, María, na Coruña, e todos os fillos pasaron vivir á casa da Silva, con Elvira e Eugenio.

A historia dos Seijas é a historia dun barrio, dado que no ano 1946 caeu a rede anarquista clandestina da Coruña, da que moitos rapaces residían neste barrio, incluidos Fernando e Marcelino Seijas. A todos, anos de cadea, que repartiron por distintos penais.

Cando viña o ditador á Meirás e Coruña ,de novo os Seijas eran “noticia” no barrio; Argimiro pasaba un tempo de “repouso” no hotel Rejas, como lle chamaban na casa de Carmen Seijas ao cárcere da Coruña.

María del Carmen Seijas Díaz casou cun rapaz ben famoso no Antroido da cidade, o “Queleré”, cando os mozos do barrio vestíanse de “ghuapas rapaciñas “ e por uns días trastocaban a moral político-relixioso do nacional catolicismo. Daquela os cregos de S. Cristóbal nada podían dicir…

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *