A CRMH da Coruña, participará este vindeiro domingo na homenaxe nacional ás vítimas do franquismo que se celebrará na illa de San Simón
Este ano a celebración estará adicada á solicitude presentada diante do goberno do estado para que se declare San Simón, xunto co Pazo de Meirás, como Lugares de Memoria Democrática. A Iniciativa Galega pola Memoria destaca que ambos enclaves son referentes non só da memoria da represión, senón tamén da loita cidadá contra o esquecemento e contra a impunidade
A illa acollerá este domingo, día 21, o acto nacional de homenaxe ás vítimas do franquismo, que este ano contará coa participación da historiadora Iria Morgade, o poeta Claudio Rodríguez Fer e familiares de vítimas catalás e andaluzas
O movemento memorialista galego, a través da Iniciativa Galega pola Memoria, plataforma que coordina á meirande parte das asociacións do país, vén de presentar senllas solicitudes para que tanto a illa de San Simón como o Pazo de Meirás sexan declarados “lugares de memoria democrática” ao amparo do establecido nos artigos 49 e 50 da lei 20/2022.
Cos trámites realizados esta mesma semana ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática, pretenden corrixir a eiva que, ao seu entender, supón a carencia de espazos galegos no listado de lugares que inclúe o texto e, nomeadamente, a non inclusión de San Simón e o Pazo de Meirás malia “a súa relevancia histórica e simbólica”.
A aprobación das solicitudes, explican desde a IGM, tería dúas importantes consecuencias: Por un lado, posibilitaría afondar na divulgación tanto do ocorrido no tempo en que a illa redondelá foi cárcere (outono 1936-marzo 1943) como nos anos en que o pazo sadense foi residencia oficial da xefatura de Estado (1938 a 1975). Por outro, garantiría a súa protección, evitando a súa utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática. Nese senso, denuncian que na actualidade, ou teñen o acceso totalmente restrinxido ou, no caso de San Simón, son utilizados para beneficio de empresas privadas que realizan na illa actividades contrarias ao seu carácter público e a súa condición de ben de interese cultural. O movemento memorialista galego leva anos denunciando que se programen en San Simón actividades lesivas coa memoria dos presos políticos e as súas familias: ginkanas de procura do tesouro, festas do Samaín, probas de orientación, brunchs, festivais musicais, etc. Confían en que a súa cualificación como lugar de memoria democrática por parte da administración estatal, que é a titular de ambas localizacións, acabaría con este “mercadeo”.
Nas solicitudes, a IGM incluíu o respaldo expreso de máis dunha vintena de asociacións memorialistas culturais e veciñais do país, entre elas a CRMH da Coruña, as Asembleas Republicanas de Vigo e Ourense, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Tilve, O Facho, o Galo ou Agra do Orzán.

Referentes da memoria da represión e da loita cidadá
Tanto no caso do Pazo de Meirás como da illa de San Simón, a documentación remitida á Dirección General de Atención a las vítimas y promoción de la memoria democrática destaca que non son só lugares relacionados coa memoria da represión senón tamén da loita contra o esquecemento e contra a impunidade dos crimes franquistas levada a cabo polo pobo galego.
No relativo a Meirás, o escrito destaca que se practicaron abusos tanto na súa adquisición como durante o seu funcionamento como residencia de verán do ditador. No primeiro caso pola extorsión á que foron sometidas persoas propietarias de terreos necesarios para a ampliación dos dominios da familia Franco. No segundo, polas medidas represivas que o goberno do réxime totalitario adoptou nas reunións celebradas no Pazo.
A represión é tamén evidente no caso de San Simón. Durante o tempo en que funcionou como campo de concentración (outono de 1936- primavera de 1943) estiveron retidos na illa centos de republicanos –non só galegos, senón tamén doutras partes do Estado-. De feito o amoreamento foi tal, que a ditadura chegou a fondear fronte as súas costas o buque Upo Mendi, que serviu de improvisada prisión para os soldados da Fronte Norte que xa non cabían na illa e tamén para aqueles presos do Lazareto que tiveran un comportamento máis díscolo, nunha sorte de castigo. Para algúns dos presos, San Simón foi a última paisaxe pois as sacas eran continuas e tamén foron moitos os sacados da illa para ser levados ante un pelotón de fusilamento. Mais na documentación tramitada, o movemento memorialista destaca tamén que foi lugar de resistencia, loita democrática e solidariedade. Lembran acenos de resistencia como a negativa dalgúns presos a comungar malia a imposición dos ritos católicos por parte das novas autoridades, ou a solidariedade amosada non só por reclusos como o médico pontevedrés Celestino Poza Covas, que atendía tanto a compañeiros como a gardas, senón tamén, e nomeadamente, o das mulleres da contorna que facían de madriñas para proporcionarlles alimento, roupa limpa ou facerlles de correo coas familias.
Ambos enclaves destacan ademais, e así se manifestou na tramitación, como símbolos da loita cidadá pola memoria democrática e en contra da impunidade dos crimes franquistas. Baste lembrar que o traballo do movemento memorialista coruñés foi clave para lograr a devolución do Pazo ao Estado ou que desde 2010 é a sociedade civil organizada a que mantén en San Simón a loita pola verdade, a xustiza e a reparación das vítimas, pois a chegada do Partido Popular á Xunta supuxo a reversión do vello Lazareto como illa da memoria e o inicio dun periplo de programacións irrespectuosas co alí acontecido durante a ditadura, ao que a IGM agarda poña fin a declaración estatal como lugar de memoria.

O acto nacional do domingo incidirá na declaración como lugar de memoria
Precisamente, o vindeiro domingo, 21 de xullo, ás 12.00 horas, o movemento memorialista galego celebrará en San Simón o acto anual de homenaxe ás vítimas da ditadura e a temática deste ano incidirá na necesidade de que a illa sexa declarada lugar de memoria e conte así coa protección adecuada para acabar co que consideran “unha xestión máis propia dun parque de atraccións que dun lugar de reclusión franquista”.
O acto deste ano contará coa participación da historiadora Iria Morgade, que precisamente está realizando unha tese sobre a recuperación da memoria por parte do pobo galego; o poeta Claudio Rodríguez Fer, fondamente comprometido desde hai anos coa causa memorialista galega; así como familiares de republicanos catalás e andaluces que estiveron recluídos na illa. Haberá tamén actuacións musicais e a ofrenda floral no monumento en honra dos presos, un dos poucos sinais de lembranza que fican no antigo Lazareto. É outra das teimas da IGM: Que San Simón sexa debidamente sinalizada e musealizada como illa da memoria para que non sexa posíbel poñer un pe nela sen coñecer o seu pasado, como ocorre agora.
