A CRMH da Coruña pon a disposición pública a publicación sobre os contidos das Xornadas polo 20 aniversario da creación da asociación e o resto dos materiais xerados durante este evento
As xornadas polo 20 aniversario da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña estiveron organizadas pola CRMH e finanzadas polo Concello da Coruña
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña pon a disposición os contidos das Xornadas polo 20 aniversario da CRMH da Coruña, entre os que están os videos completos das conferencias e unha publicación que recolle traballos e artigos das persoas que participaron nas diferentes ponencias. Todos os materiais están accesíbeis no enderezo: https://memoriadacoruna.gal/xornadas20anos-crmh/
As xornadas celebráronse os pasados días 13, 20 e 27 de novembro de 2024 divididas en tres temáticas concretas: Restos do franquismo na cidade da Coruña, espolios do franquismo na comarca da Coruña, e Lugares da memoria da represión na cidade da Coruña, respectivamente.
Na citada publicación (descargabel desde https://memoriadacoruna.gal/wp-content/uploads/2025/02/Xornadas20aniversarioCRMH.pdf) recóllense dous artigos da historiadora Ana Romero Masiá e Manuel Monge sobre os “restos franquistas na cidade da Coruña”, correspondentes á temática abordada na Xornada celebrada o pasado día 13 de novembro.
Ao respecto da segunda xornada ao redor dos espolios franquistas celebrada o 20 de novembro pasado, as xornalistas do diario La Opinión A Coruña, Marta Otero e Antares Pérez respectivamente, publican o artigo titulado “Meirás. Memoria da memoria histórica” que resume a visión xornalística da loita do proceso de devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público. Desde esa mesma óptica, a xornalista do díario “El País” Silvia R. Pontevedra escribe nesta publicación “De cando Franco pasou por Woodstock camiño de Meirás”.
Esta segunda xornada celebrou tamén un segundo bloque dedicado á Casa Cornide onde o profesor Carlos Aymerich publica o artigo “O espolio e a recuperación da Casa Cornide”, onde explica a situación actual ao respecto das vías de recuperación para o patrimonio público deste ben.
Por último, a publicación recolle o traballo de investigación de Rubem Centeno titulado: “A cidade sepultada: a difusom do terror e as fosas franquistas de Santo Amaro. Memoria viva da represión na Coruña” e que ate hoxe era un material inédito, que foi presentado na xornada celebrada o pasado 27 de novembro, dedicada aos lugares da memoria da represión na cidade da Coruña.
Ao respecto desta última xornada, o Documentalista e investigador Eliseo Fernández, ofrécenos o artigo “Memoria viva da represión da Coruña”
A organización destas xornadas estiveron a cargo da CRMH da Coruña, contando co finanzamento do Concello da Coruña a través dun convenio nominativo para a celebración de actividades relacionadas coa memoria histórica.
Organiza

Patrocina
