Actualidade

A CRMH da Coruña presenta unha nova base de datos sobre represión e represores que estará proximamente accesible desde a web da asociación

O acto de presentación terá lugar o vindeiro mércores 28 de xaneiro, e contará coa participación de Luis Sánchez, autor da base de datos e Anxo Sánchez, deseñador web desta nova ferramenta de consulta

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña presentará este vindeiro mércores 28 de xaneiro no Salón de Actos do Circo de Artesáns da Coruña (rúa Santo André 36) ás 20:00 horas, unha nova base de datos de consulta sobre represores e represaliados durante a guerra civil e a ditadura franquista que leva por título “Mulleres, homes e homiños”. A base de datos abrangue persoas nacidas en Galicia ou con relación con ela.

No acto contaremos coa participación do autor, Luis Sánchez Rodríguez, (Luis Rebor de Laves) e o deseñador desta nova web Anxo Sánchez, que será accesible moi proximamente desde a web da CRMH da Coruña a través do enderezo https://represion.memoriadacoruna.gal/

Esta nova web, que estará en permanente actualización, recopila datos doutras bases de datos e fontes bibliográficas de vítimas e represores nun só lugar, e que ten, entre outras, as seguintes particularidades:

  • A web nace con 18.280 fichas individualizadas. Cada ficha, ademais da historia individual, desprega unha árbore de relacións con ligazóns a outros nomes e historias.
  • Achega filiacións, non só políticas, senón tamén familiares, e grazas a iso racha coas limitacións das bases de ámbito provincial.
  • Esta nova base de datos non só permite descargar ou facer buscas por concellos, senón tamén por categorias (vitima, represor, guerrilla…)

A base de datos foi construída froito do traballo realizado durante anos por Luis Sánchez ao que queremos agradecer publicamente que se achegara á nosa asociación para ofrecelo totalmente de balde. Os traballos de deseño web están a cargo de Anxo Sánchez. Os custes totais do proxecto foron asumidos na súa totalidade con fondos propios da asociación.

Partillar

Un comentario en «A CRMH da Coruña presenta unha nova base de datos sobre represión e represores que estará proximamente accesible desde a web da asociación»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *