Actualidade

A CRMH da Coruña presenta unha queixa diante do “Defensor del Pueblo” polos reiterados incumprimentos da legalidade no Pazo de Meirás

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña presenta escrito onde se solicita que esta institución lembre ao estado o contido dos protocolos que asina, que cumpra as súas obrigas en materia de patrimonio cultural e que advirta ao Estado sobre determinados relatos presentes en Meirás incompatibeis coa memoria democratica

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, ven de presentar diante do rexistro do “Defensor del Pueblo” escrito onde se solicita a actuación deste órgano sobre tres aspectos concretos relativos á situación actual do Pazo de Meirás:

Camen Calvo, vicepresidenta do goberno no momento da sinatura do Protocolo de actuacións no Pazo de Meirás

1.- Incumprimento do “Protocolo General de Actuaciones” asinado entre diferentes administracións públicas para xestionar o Pazo de Meirás.

O 26 de xuño de 2021, a quen era daquela Vicepresidenta do Goberno Carmen Calvo e o Secretario de Estado de Memoria, Fernando Martínez, visitaban o Pazo de Meirás para asinar un protocolo de actuacións entre o Estado (propietario en execución provisoria de sentenza) e os concellos de Sada e A Coruña, Xunta e Deputación Provincial para xestionar e coordinar as actuacións no Pazo mentras non existise firmeza nas resolucións xudiciais pendentes.

Aquel día, representantes do activismo memorialista protestamos diante da porta do Pazo de Meirás, considerando aquela visita como un acto de propaganda do goberno, e así fixémosllo saber aos representantes do Estado, que baixo lemas como “+Feitos e – Fotos” denunciaban a actitude do goberno.

Pois ben. Pasaron mais de 3 anos desde que se asinara dito protocolo e o tempo deunos a razón. Non se desenvolveu ningún dos aspectos acordados polo Estado no documento. Nin sequera se constituiron de xeito formal as comisións previstas (unha de seguimento e outra técnica). Nunca se reuniron desde a sinatura do protocolo.

As actuacións e permisos para realizar actividades no Pazo de Meirás non se someten a ningún protocolo (nin ao que incumpre o estado nin a ningún outro criterio), polo que as decisións sobre o que se autoriza facer en Meirás é absolutamente arbitrario, cando non se denega todo por sistema.

Imaxes do pasado 26 de xuño de 2021, onde activisas da memoria antifranquista, recoñeciamos e denunciabamos o acto de sinatura do protocolo como un acto de propaganda. Por elo reclamabamos menos fotos e mais memoria. (Na imaxe o Secretario de Estado de Memoria Democratica e a quen era daquela Vicepresidenta do Goberno)
Imaxe dunha das primeiras visitas públicas realizadas no Pazo de Meirás a partir do ano 2010. Desde entón foise limitando os accesos ata que o Estado pechou de xeito ilegal e unbilateral as visitas ao interior desde o momento que toma posesión do ben en decembro de 2020.

2.- Incumprimento do réxime de visitas ao Pazo de Meirás de acordo co establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza

O Pazo de Meirás é desde o ano 2008 un ben declarado como BIC coa categoría de sitio histórico pola súa vinculación coa escritora Pardo Bazán e por ser o Pazo de Meirás residencia estival oficial da Xefatura do Estado franquista.

A Lei establece o dereito dos cidadáns á visita de balde uns determinados dias e horas cada mes, que ate o ano 2020 xestionou de maneira bastante restrinxida, primeiro a familia Franco, e despois a Fundación Franco.

Desde que o Estado tomou posesión (en execución provisoria de sentenza) do Pazo de Meirás (decembro de 2020) decidiu pechar ás vísitas a calquer dependencia interior do Pazo, cuestión esta lamentable, incomprensible e que vai contra a legalidade. Todo elo coa pasividade da Xunta de Galiza, que ten as competencias en materia de patrimonio cultural, e xa que logo, facer o réxime de visitas conforme ao disposto na Lei. É por elo que solicitamos a intervención do Defensor del Pueblo para que lembre a estas administracións as súas obrigas legais.

2.- Contidos incompatibeis coa memoria democrática

O Pazo de Meirás continúa sen avances na necesaria resignificación democrática desde o ano 2021 (o incumprimento do protocolo antes citado é unha boa proba do abandono absoluto sobre avances en Memoria Democrática en Meirás). Tan só atopamos unha serie de paneis realizados no ano 2021 que ademais conteñen relatos incompatibeis coa verdade e memoria democrática. Na queixa ao “Defensor del Pueblo” referimonos a dous en concreto:

  • Alúdese a procesos de espolio e abusos contra os propietarios de terras, inmobles e dereitos como procesos de “expropiación forzosa” cando existe documentación abondosa sobe o que realmente aconteceu alí. Incluso está recollido e setenciado nos dous fallos que existen ao respecto: En concreto, da do Xulgado en 1º Instancia dise, “El procedimiento de adquisición de las fincas colindantes fue en paralelo a la construcción del muro de cierre de la finca actual, procedimiento que se inicia y culmina en los primeros años posteriores a la entrega de las Torres. Desde entonces la finca objeto de reivindicación se corresponde con la actual parcela catastral. A medida que el muro se construía, las fincas colindantes eran ocupadas y posteriormente se instaba a sus legítimos propietarios a la transmisión forzosa, mediante el otorgamiento de escrituras públicas de compraventa a favor de Francisco Franco”. Na sentenza da Audiencia Provincial da Coruña dise ao respecto tamén: “los terrenos los ocupa el aparato del Estado desde el primer momento, desplegando el Estado su capacidad de ejercer la fuerza sobre los ciudadanos…”. Afirmar que sobre esas terras houbo procesos expropiatorios é simplemente deturpar a realidade e afondar en relatos de impunidade.
  • Aludese o nome dunha persoa que falece en 1935 como unha “vítima da represión”. De que represión?. Como pode figurar unha expresión así nun panel que supostamente quere por en valor a memoria democratica?

Por todo elo, desde a CRMH da Coruña, pedimos a mediación do “Defensor del Pueblo”

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *