
A CRMH da Coruña presentará un recurso ao contido da declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de analizar e contrastar con outras entidades memorialistas galegas e do conxunto do Estado, os argumentos que emprega a Secretaría de Estado para declarar o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria, declaración que solicitamos como promotores xunto a outras entidades memorialísticas de Galiza.
Da análise do seu contido, decidimos presentar un recurso (Recurso Administrativo Potestativo de Reposición) que motivarase en aspectos de defensa da memoria das vítimas do franquismo, que deberían ser o eixo central da declaración segundo o que se recolle na Lei de Memoria. Polo tanto, non estamos a falar dun plan de usos nin de aspectos culturais do Pazo de Meirás. A declaración só debe ter en conta na xustificación ás vítimas, a represión e os atentados cometidos contra os dereitos humanos e a súa vulneración sistemática.
Emilia Pardo Bazán non foi vítima do franquismo.
A CRMH da Coruña lembra que falamos dun lugar de memoria vinculado á represión franquista, non doutros valores culturais ou literarios. A escritora finou en 1921 (15 anos antes do golpe de Estado de 1936) e non foi vítima do espolio franquista. Polo tanto, a súa figura non pode ser un eixo xustificativo do Lugar de Memoria (o principal xunto ao vitimario Franco) e solicitará que a clave da declaración sexan as vítimas da represión franquista. A CRMH lembra que falamos dun lugar de memoria vinculado á represión franquista, non doutros valores culturais ou literarios.
A CRMH solicita a restitución da denominación oficial e social de “Pazo de Meirás”
A declaración sorpresivamente elimina a condición de “Pazo” do Pazo de Meirás, vinculada a un argumentario que non podemos compartir e que desenvolveremos no propio recurso en elaboración nestes momentos.
Este recurso tamén recollerá outros aspectos importantes, como é a omisión absolutamente irregular, do papel xogado polo asociacionismo memorialista como promotores da iniciativa. Tamén sobre a necesidade de reorientar o relato histórico da declaración en relación coa impunidade e o propio relato da represión. Erros na tipificación do espolio acontecido en Meirás e propostas concretas de incorporación e modificación na parte resolutiva da declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria.
O recurso será presentando formalmente pola CRMH da Coruña proximamente, e apoian o seu contido asociacións do ámbito cultural e memorialístico de Galiza como por exemplo asociacións do ámbito memorial y cultural da comarca da Coruña como a “Agrupación Cultural Alexandre Bóveda”, do ámbito veciñal coruñés como a “AVV Atochas-Montealto-A Torre” ou a “Asociación Veciñal da Agra do Orzán”. Ou as asociacións como a bentaceira “AC Eira Vella”, la compostelá “Agrupación Cultural O Galo”, a viguesa “Memoria, Verdade e Xustiza” e as ourensáns como son o “Comité por la Memoria Histórica do Val del Limia” ou o “Comité de Memoria Histórica de la Comarca de Celanova”. Tamén recibimos o apoio de entidades como “Via Galega” ou a “Fundación Galiza Sempre”, a “Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical de Galiza”, constituída pola “Confederación Intersindical Galega”, da que tamén recibimos apoio.
Anque son moitas máis as asociacións adheridas no ámbito galego, y outras máis que valorarán a súa adhesión tras a formalización do recurso, o listado actualizarase con todas as asociacións adheridas nos vindeiros días. Tamén do conxunto do Estado, como moitas das entidades que formamos parte de CEAQUA (Coodinadora Estatal de Apoyo a la Querella Argentina) tales como LA COMUNA, asociación de presxs y represaliadxs por la dictadira franquista, Asociación Sevillana Nuestra Memoria, San Fermines 78 Gogoan!, Memoria Libertaria CGT, La Comuna d’Asturies, Acció Ciutadana contra la impunitat del franquisme País Valencià o la Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica de Aragón (ARMHA) e Todos los niños robados son también mis niños, entre outras.
Podes consultar a lista actualizada na seguinte ligazón: https://memoriadacoruna.gal/recurso-pazodemeiras/
Calquer entidade que o desexe pode adherirse no correo info@memoriadacoruna.gal

Pingback: La Comisión por la recuperación de la memoria histórica de A Coruña presenta recurso al contenido de la designación del Pazo de Meirás como lugar de memoria