Actualidade

A CRMH da Coruña colabora no recoñemento e reparación de Julio Nieto López

Foi asasinado en 1946 a garrote vil na antiga prisión provincial da Coruña e enterrado nunha fosa do cemiterio civil da Coruña

En 1943 entrara a militar no PCE na clandestinidade e integrouse na resistencia contra o réxime franquista, chegando á xefatura da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galiza

Os seus netos Victoria e Juan Eduardo Guillén Nieto solicitaron diante da fiscalia de Memoria Democrática e Dereitos Humanos o recoñecemento e reparación integral por parte do Estado. En concreto:

  1. A declaración oficial de recoñecemento e reparación personal para D. Julio Nieto López, Capitán no Exército Popular Republicano e Secretario Xeral do Comité Provincial do PCE en Lugo, e que así conste en todos os rexistros correspondentes.
  2. A nulidade de pleno dereito da sentenza 75/46 por ser froito dun “consello de guerra sumarísimo” carente de garantías procesuais e no que se vulneraron dereitos fundamentais.
  3. A declaración do estatus oficial de D. Julio Nieto López como vítima da represión franquista e defensor da legalidade constitucional democrática, e que así conste en todos os rexistros correspondentes.
  4. A restitución e investigación (Garantías de Verdade): busca, exhumación e identificación de D. Julio Nieto López na epultura n.º 74 do Cemiterio Civil de San Amaro na Coruña.

Todo elo como persoa que partricipou na guerrilla antifranquista en defensa da República e pola sua resistencia ao réxime franquista.

Julio Nieto López naceu en Almería en 1904. Durante a II República, serviu como garda de asalto no Corpo de Seguridade e Asalto, cuxo obxectivo era manter a paz social e a orde pública. Pertenceu ás Compañías de Asalto de Huelva e de Madrid. Neste último destino obtivo o título oficial de telegrafista en 1933. Nese mesmo ano, contraeu matrimonio con Loreto Tapia Robson, doutora en medicina, especializada en fisioloxía, pediatría e puericultura.

Cando estalou a guerra civil en 1936, o matrimonio xa tiña un fillo, Julio Nieto Tapia, nacido en 1934, e vivía en Madrid. Nieto López integrouse no bando leal á República e obtivo o rango de alférez por méritos de guerra en outubro de 1936, alcanzando posteriormente o grao de capitán no Exército Popular Republicano. En 1938 naceu a súa filla, Victoria Nieto Tapia.

Tras a derrota republicana, en 1939, o capitán Nieto López foi detido, acusado de “auxilio á rebelión” e condenado a 20 anos de reclusión menor (causas n.º 56.938 e 2.996 do Xulgado de Executorias de Madrid (Tribunal Militar Territorial 1)), dos cales cumpriu catro anos. En 1943 foi indultado e outorgóuselle a liberdade condicional provisional, sen a liberación do desterro (BOE n.º 281 do 08/10/1943, data da orde 25/09/1943, páx. 9743, columna 3), sendo Lugo o seu destino, onde a súa esposa se colexiara e exercía como pediatra e puericultora despois da guerra civil.

Foi en Lugo onde Nieto López entrou a formar parte do PCE na clandestinidade, estivo a cargo do aparato político e chegou a ocupar o cargo de Secretario Xeral do Comité Provincial de Lugo. Ademais, uniuse á resistencia clandestina contra o réxime franquista e, pola súa experiencia militar, competencia estratéxica e dotes de liderado, chegou a ser xefe da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia (Maquis da chan), a unidade que operaba con maior forza na provincia da Coruña.

En 1946, foi capturado noutra redada policial que permitiu desmantelar o cuartel xeral e as redes de apoio da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro. Como se trataba do máximo responsable militar capturado, converteuse na peza central do Sumario 75/46 (consúltese o Arquivo Intermedio Militar Noroeste (Ferrol), onde se custodia o expediente xudicial íntegro da Causa 75 de 1946 (Caixa 105)). A causa 75/46 foi un dos macroprocesos xudiciais máis importantes do ano 1946 en Galicia, contra a oposición á ditadura franquista. O 18 de xullo foi sentenciado a pena de morte por rebelión militar e, dous meses despois, o 21 de setembro de 1946, foi executado por garrote vil; os seus restos foron enterrados na sepultura anónima n.º 74 do cemiterio civil de San Amaro, na Coruña.

Partillar

2 comentarios en «A CRMH da Coruña colabora no recoñemento e reparación de Julio Nieto López»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *