Actualidade

A CRMH da Coruña reitera que o Estado incumpre a Lei e os compromisos adquiridos a respecto da declaración como Lugares de Memoria Democrática do Pazo de Meirás e a illa de San Simón

Diante das manifestacións realizadas onte desde o goberno do Estado a respecto do proceso de declaración do Pazo de Meirás e a illa de San Simón como Lugares de Memoria Democrática, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña quere manifestar o seguinte:

  1. O Estado incumpre claramente o prazo legal establecido na Lei de Memoria Democrática (LMD).

A artigo 50.1 establece un prazo de 12 meses para a incoación tras a solicitude dunha entidade promotora e difusora da memoria democrática. En concreto establece que: “o expediente resolverase e notificarase no prazo máximo de doce meses desde a data da súa incoación, ou desde a data en que a solicitude entrara no rexistro”. A CRMH da Coruña o fixo o pasado 15 de xullo de 2024, polo que o prazo expirou.

  • O Estado non contesta aos escritos nin requerimentos que se presentan.

Neste sentido, a CRMH da Coruña presentou un escrito de requerimento o pasado 3 de xullo para que se cumprise a legalidade a respecto dos prazos e procedementos establecidos para a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria. Temos constancia que fixo o mesmo a a AC Vagalumes, solicitante da declaración de San Simón como lugar de memoria co mesmo resultado. Tamén solicitándose o acceso ao expediente de declaración, como entidades solicitantes ao que temos dereito. O resultado, o silenzo por resposta. Desde a solicitude inicial da CRMH do pasado 15 de xullo de 2024, a CRMH non tivo ningunha información sobre a tramitación de dita solicitude

  • O Estado incumpre o compromiso que fixo público de declarar no mes de agosto o Pazo de Meirás e a illa de San Simón como Lugares de Memoria Democrática.

En xaneiro deste ano o goberno do estado anunciou que declararía o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como Lugares de Memoria nunha web oficial da propia Administración do Estado:

Para proceder a esta declaración é requisito previo a incoación dos correspondentes procedementos, establecéndose as condicións da declaración, os trámites de audiencia previa ás persoas e entidades interesadas. É evidente que o que se anuncia agora para o mes de setembro, non é a declaración de Meirás e San Simón como Lugares de Memoria senón o inicio dos procedementos.

  • O Estado retirou da axenda os anuncios de declaración de Meirás e San Simón como Lugares de Memoria Democrática.

É unha evidencia. O que anunciou o Estado con comunicados de prensa incluídos no que se comprometía declarar Meirás e San Simón como Lugares de Memoria, desapareceu da web oficial do Estado na que figuraron durante meses. E tamén é evidente que existen anuncios do compromiso de declaración de outros lugares (todos fora de Galiza) que antes non estaban. E o Estado sigue sin explicar as razóns delo.

  • O cumprimento da legalidade e os compromisos anunciados no seu día polo Estado, terían evitado escenas lamentabeis e incompatibeis coa memoria democrática na illa de San Simón.

O simple acto de incoación do procedemento de declaración de Lugar de Memoria Democrática leva aparellado o establecemento do réxime de protección e os usos compatibeis, e no seu caso as medidas provisorias necesarias para a protección e conservación do ben, algo que é necesario en Meirás. Mais en San Simón, visto o acontecido nos últimos tempos, faise urxente e imprescindíbel.

Son a estas cuestións ás que pedimos explicacións e nas que reiteramos a esixencia de que o Estado cumpra cos procedementos e prazos establecidos nas Leis e tamén os compromisos que adquire publicamente,

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *