A CRMH da Coruña remata mañá mércores o seu ciclo de Xornadas conmemorativas do 20 aniversario da asociación, con dúas palestras dedicadas aos “Lugares da Memoria da Represión na Cidade da Coruña”
A primeira das palestras versará sobre o sorprendente traballo de investigación de Rubem Centeno que leva por título “A cidade sepultada: a difusom do terror e as fosas franquistas de Santo Amaro” no que o autor rescatará os 272 enterramentos clandestinos documentados realizados desde o triunfo da rebelión militar en 1936. Na segunda das palestras, Eliseo Fernández fará un percorrido sobre a historia e significado de espazos e lugares de memoria na cidade.
Continuando co ciclo de Xornadas que conmemoran o 20 aniversario do nacemento da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, este vindeiro mércores 27 de novembro, ás 19:00 horas, celebraremos a última xornada programada, que estará adicada ao lugares da memoria da represión na cidade da Coruña. Esta Xornada terá lugar, ao igual que as outras anteriores, no Salón de Actos do Circo de Artesáns da Coruña (Rúa Santo André 36) ás 19:00 horas.
Esta xornada contará con dúas palestras. A primeira delas a impartirá o Investigador Rubém Centeno que abordará nova conclusións e datos sobre o seu traballo titulado “A cidade sepultada; a difusom do terror e as fosas franquistas de Santo Amaro” e da que nos dera un avanzo nun acto celebrado recentemente xunto coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Un sorprendente traballo de recopilación documental ao redor das fosas de Santo Amaro que demostran as claras a existencia de enterramentos clandestinos de 272 persoas.
Non só sorprende o número de persoas que chegaron a pasar senón o feito que boa parte das persoas que obstaban a representación das institucións republicanas pasasen por estas fosas. Por exemplo, boa parte dos deputados galegos en Cortes foron fusilados, algúns deles no Campo da Rata da Coruña, podendo documentarse, sorprendentemente, que dous deles foron soterrados nestas fosas de Santo Amaro, como os casos dos deputados Luis Rufilanchas deputado do Partido Socialista, fusilado no campo da Rata en xullo de 1937 e Manuel Guzmán, deputado de Izquierda Republicana e fusilado no campo da Rata o 31 de agosto de 1936, ou do gobernador civil da Coruña Francisco Pérez Carballo, fusilado tamén no campo da Rata, escasos dias despois da toma do poder polas armas na Coruña en 1936.
A segunda das palestras estará dedicada á memoria viva da represión na Coruña. Lugares como o de Santo Amaro ou sucesos que marcaron a memoria da barbarie franquista.