A CRMH da Coruña reúnese coas Xuventudes Socialistas
As Xuventudes Socialistas de Galiza, trasladáronlle á CRMH recentemente unha petición de reunión que se celebrou no día de onte entre membros da directiva da nosa asociación e o Secretario Xeral e o Secretario de Memoria Histórica e Galeguismo, Xurxo Doval e Manar Gambir respectivamente.
Nesta reunión abordáronse diferentes temáticas que se van enquistando no tempo, como a necesidade de presentar demanda xudicial por parte do Concello da Coruña para reclamar a titularidade da casa Cornide. Inexplicablemente o goberno municipal da Coruña a lévaa anunciando desde anos xa, mais segue demorando a súa presentación o que implica un grave problema, xa que cada día que pasa sen que esta se presente só axuda a perpetuar o espolio franquista.
Tamén se abordou a simboloxía franquista na cidade da Coruña, onde o concello segue sen facer absolutamente nada diante dos máis do cen de símbolos franquistas que conviven nos espazos públicos da cidade, algúns sorprendentes a día de hoxe. Todo iso a pesar dos informes técnicos que existen certificando a necesidade da súa retirada e do flagrante incumprimento da Lei de Memoria Democrática.
Abordáronse cuestións como a necesidade de que se impulse o funcionamento normal do Consello da Memoria, que neste mandato aínda está sen convocar, ou a necesidade de resignificar o Pazo de Meirás, seguir na loita xudicial e permitir unha visita pública conforme ao que representa o Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural. É inexplicábel que o estado, a día de hoxe restrinxa máis a visita ao interior das Torres a este ben desde que é de xestión pública, do que o facía a propia Fundación Franco.
Desde a CRMH da Coruña queremos agradecer a convocatoria realizada polas Xuventudes Socialistas á CRMH da Coruña.