
A CRMH da Coruña solicita a actuación do Estado e da Xunta, diante da poxa pública de bens mobles por parte dos herdeiros do ditador Franco
Os bens mobles foron retirados durante o pasado mes de xullo do Pazo de Meirás coa autorización do Estado e a pasividade da Xunta de Galiza
Diante dunha máis que posíbel venda de bens de dominio público por parte dos Franco, a CRMH da Coruña solicitou formalmente actuacións de inspección necesarias, e no seu caso a adopción de medidas, que impidan a enaxenación de ditos bens, sacados do Pazo de Meirás antes ou despois do proceso xudicial
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denunciara o pasado mes de xullo a saída de bens mobles do Pazo de Meirás, que ían máis aló de bens persoais da familia do ditador. E hoxe coñecemos outro paso máis neste novo proceso de impunidade dos herdeiros do ditador, ao transcencer a poxa que se está a realizar en Madrid de ditos bens (sacados do Pazo de Meirás antes ou despois do proceso xudicial).
Diante desta situación, desde a CRMH da Coruña solicitamos diante da Delegación do Goberno en Galiza e a Consellería de Cultura da Xunta de Galiza a adopción de medidas. En concreto das seguintes: “Que aos efectos de verificación que, no seu caso, poidan ter a condición de bens de dominio público ou suxeitos a outro réxime legal de tutela e protección, se realicen as actuacións de inspección necesarias sobre o catálogo da citada poxa, acordando, no seu caso, as medidas legais que correspondan aos efectos de impedir a enaxenación de ditos bens”.
Unha situación lamentábel e insostíbel desde o punto de vista memorialístico e democrático
Estes feitos se suman a outras decisións adoptadas polo Estado como o relato e decisións vinculadas á declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria, recorrido pola nosa asociación e apoiado por case media centena de asociacións de Galiza e moitas máis do conxunto do Estado, ademais de investigadores e divulgadores da memoria.
Non esquezamos que na declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria afirmase textualmente que “Meirás ha dejado de ser únicamente un símbolo de la apropiación y del poder franquista”. Lamentamos que os feitos, tristemente 50 anos após da morte do ditador, non se correspondan con esa afirmación
Tamén queremos lembrar que o Estado, coa total colaboración pasiva da Xunta de Galiza, incumpre de xeito claro evidente as determinacións ao respecto da visita pública deste ben recollidas na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza. Un ben que é público a todos os efectos e que o Estado mantén pechado ao uso público.
Tampouco se avanza na definición dos usos futuros do Pazo, cando menos nos organos que determinaron no seu día as administracións públicas, incumpríndose de xeito constante no tempo o Protocolo de actuacións asinado no ano 2021.
