Actualidade

A CRMH da Coruña solicita diante da Dirección Xeral de Memoria que o antigo cárcere da Coruña sexa declarado como Lugar de Memoria

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de presentar diante da Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democrática escrito coas determinacións recollidas no artigo 50 da Lei 20/2025 de Memoria Democrática. 

No escrito recollese un resumo da singularidade deste espazo como lugar de memoria da represión, cunha escolma de historias de vidas truncadas, de sufrimento, abusos e crimes impunes do franquismo que deixan ás claras o significado deste lugar.

A CRMH da Coruña quere facer, unha vez máis, un chamado para que o Concello da Coruña actúe sen demora e exerza ás súas competencias relativas aos deberes legais de conservación diante da pasividade da SIEPSE-Estado propietaria do inmoble.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de presentar escrito de solicitude de incoación de expediente para a declaración do antigo cárcere da Coruña como Lugar de Memoria Democrática en relación co disposto na Sección 4º da Lei de Memoria Democrática.

Neste sentido, a antiga prisión provincial da Coruña situada no entorno da Torre de Hércules cumpre todos os requisitos expresados no artigo 49 da citada Lei, como espazo “no que se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica… ou pola súa repercusión na memoria colectiva, vinculados á memoria democrática, a loita pola cidadanía polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como a represión como consecuencia da resistencia ao golpe de estado de 1936”.

No escrito faise mención á orixe deste edifico e como pasou de representar un modelo humanista a respecto da concepción dun espazo de acollida digna dos reclusos a ser lugar de represión e castigo caracterizado pola masificación, as epidemias a falta de hixiene e a fame, polas que pasaron a penar milleiros de persoas e que en moitos casos foi o último lugar que viron con vida, ou desde onde eran conducidos ao campo da Rata ou Punta Herminia, como foi o caso do propio alcalde da Coruña Alfredo Suárez Ferrín, o Gobernador Civil da Provincia Francisco Pérez Carballo, os deputados en Cortes Manuel Guzmán e Luis Rufilanchas entre outros moitos.

Tamén recollese a represión sobre a resistencia antifranquista, onde moitos guerrilleiros perderon a vida executados a garrote vil no propio cárcere a partir da segunda metade dos anos corenta. Por último recollese unha última referencia a como este lugar foi epicentro da represión franquista durante as décadas dos anos 60 e 70.

Todos estes períodos das diferentes etapas da represión franquista formaran parte dun traballo de investigación máis amplo que está desenvolver a CRMH da Coruña e que agardamos a finais deste ano poder publicar as conclusións.

Por último, o escrito recolle un resumo da situación politico/administrativa actual deste espazo en total abandono. Neste sentido, e unha vez máis, queremos demandar do Concello da Coruña que exerza as súas competencias relativas aos deberes legais de conservación e rehabilitación que lle impón á SIEPSE-Estado, e demande a esta administración como propietaria da antiga prisión provincial da Coruña, o cumprimento da normativa básica estatal como a autonómica (art. 32 Lei 5/2016, de Patrimonio Cultural de Galiza, art. 24 de la Lei 1/2019 de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galiza y art. 135 de la Lei 2/2016, do solo de Galiza) e local (determinacións normativas do Plan Xeral de Ordenación Municipal-PXOM-BOP de 09/07/2013 e da Ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles-BOP de 21/03/2022).

A tal efecto demandamos recentemente unha serie de actuacións que poden consultarse en https://memoriadacoruna.gal/a-crmh-da-coruna-solicita-por-escrito-ao-concello-da-coruna-actuacions-urxentes-ao-respecto-do-carcere-da-coruna/ . Actuacións que deben facerse urxentemente visto o grao de deterioro deste espazo que non poden demorarse por máis tempo para a preservación deste espazo singular da memoria da Coruña.

A continuación deixamos o escrito de solicitude presentado díante da Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democratica:

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *