A CRMH da Coruña solicita do Estado o cumprimento dos prazos legais establecidos e declare o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de presentar escritos diante da Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democrática para que cumpra os prazos legais establecidos e declare xa o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática.
A CRMH da Coruña tamén solicitou diante desta Dirección Xeral información sobre o estado da tramitación do procedemento, e no seu caso, copia da documentación dos actos administrativos ao respecto.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña presentou o pasado 15 de xullo – vai facer pois un ano – escrito de solicitude de incoación do procedemento establecido, diante da Dirección Xeral competente, para a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática, de acordo co establecido na Lei de Memoria Democrática no súa Sección 4º.
A solicitude realizouse pola CRMH, como promotora e difusora da memoria democrática, polo que debe ser tramitada segundo o disposto no artigo 50.1 da citada Lei, que establece un prazo de 12 meses para a incoación, e no seu caso, para a declaración -neste caso- do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática. En concreto establécese que “o expediente resolverase e notificarase no prazo máximo de doce meses desde a data da súa incoación, ou desde a data en que a solicitude entrara no rexistro”
A CRMH da Coruña non ten constancia nin recibiu desde a presentación da solicitude (15/07/2024) información algunha a respecto da realización dos informes preceptivos por parte da Dirección Xeral competente nin dos motivos que, no seu caso, poidan explicar ou fundamentar o manifesto retraso na incoación do procedemento.
Moito máis cando o cumprimento do procedemento e os prazo establecidos no citado artigo 50.1 da Lei de Memoria Democrática si foron atendidos noutros casos de solicitude realizada a instancia dunha entidade promotora e difusora da memoria democrática como foi, a xeito de exemplo, o caso do proceso de declaración como Lugar de Memoria Democrática da antiga prisión provincial de Murcia, promovéndose a súa incoación a instancia da “Federación de Asociaciones de Memoria Democrática de la Región de Murcia” tras presentar escrito de solicitude o 15 de xaneiro de 2024 (BOE 11/07/2024), e acordo de declaración o 17 de xuño de 2025 (publicándose no BOE do 20/06/2025).
E por todo elo que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, á vista que moi proximamente cumpriranse os 12 de meses da solicitude para a incoación do procedemento para a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática, presentou escrito de solicitude para o cumprimento do establecido na Lei a respecto do procedemento e prazos. Tamén solicita da Administración, como entidade que ten dereito a coñecer o estado do procedemento e os actos de trámite ditados, información ao respecto, e no seu caso, a copia dos documentos que existan no expediente de tramitación ao respecto.