A CRMH da Coruña solicita que se lle adique ao pintor Francisco Miguel Fernández Díaz, o Día das Artes Galegas 2026.
Dende a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH da Coruña) queremos sumarnos á campaña que, dende diversas asociacións e institucións, está a solicitar que se lle dedique ao pintor coruñés Francisco Miguel Fernández Díaz (de nome artístico Francisco Miguel) o Día das Artes Galegas do 2026.
Artista excepcional, conectado ás vangardas europeas e americanas, foi asasinado no seu cumio artístico en setembro de 1936, apenas cumprido os 39 anos, polo seu compromiso coa democracia e a liberdade.
Como tantas vítimas do franquismo, Francisco Miguel sufriu unha dobre morte: ao seu asasinato hai que unir o borrado da súa figura. Isto levou consigo, como ocorreu con tantos artistas e intelectuais, ao esquecemento da súa obra durante décadas. Houbo que esperar a 1999, para que a mostra itinerante de orixe mexicana: Entre vangardas. Francisco Miguel. Pintor galego e mexicano, conseguise que a súa obra se puidese contemplar novamente na súa cidade natal.
Francisco Miguel despois de ser torturado e “paseado”, foi enterrado clandestinamente no cemiterio de Bértoa (Carballo). Cando se exhumaron os restos do pintor, apareceu o cadáver coa cabeza esnaquizada e as mans mutiladas, unha barbarie froito dunha ditadura que intentou esmagar a intelixencia e a sensibilidade dunha xeración.
Ademais dos seus indubidables méritos artísticos para recibir este galardón, entendemos que temos como sociedade unha débeda coa memoria de Francisco Miguel. Por iso, sumámonos á petición para que se lle dedique o Día das Artes Galegas 2026, coincidindo este ano co seu enterro con dignidade no cemiterio de Santo Amaro.

