A CRMH da Coruña solicita reunións coa alcaldesa da Coruña e o Delegado do goberno diante do singular incumprimento da Lei de Memoria na cidade
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, ven de solicitar no rexistro do Concello da Coruña e da Delegación do Goberno en Galiza, reunións coa alcaldesa da Coruña e o Delgado do Goberno en Galiza, respectivamente. Estas reunións solicitanse diante do singular, manifesto e prolongado incumprimento na cidade das diferentes Leis de Memoria Estatais (a de 2007 e a de 2020), convertindo A Coruña nun vergoñento e singular caso de mantemento da simboloxía franquista no conxunto do estado español.
Neste sentido queremos lembrar que existe un informe do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, encargado polo Consello Municipal de Memoria Democrática que sinala 14 espazos da Coruña como símbolos ou elementos contrarios á memoria democrática que deben ser retirados por Lei. Este informe, (que debe ser actualizado, xa que existen moitos mais elementos contrarios á memoria democrática), foi ocultado polo goberno municipal no seu momento, poñendose todo tipo de trabas á súa tramitación municipal. Un informe que data do ano 2019.
Queremos lembrar que a última reunión celebrada polo Consello da Memoria Democrática celebrada hai xa máis de 6 meses, acordou e valorou por unanimidade a urxente aplicación da Lei de Memoria Democrática na cidade da Coruña. Neste sentido, todas as persoas membros deste organo, solicitamos a remisión urxente ao Pleno da Corporación do citado informe do Instituto Cornide para o pronunciamento dos grupos municipais, e no seu caso, a súa tramitación urxente para a aplicación da Lei de Memoria Democrática na cidade da Coruña.
Dito acordo tomado hai máis de 6 meses polo CMD non foi tramitado, desconvocándose a reunión deste órgano que tiña que celebrarse o pasado mes de novembro ate en dúas ocasións, ao tempo que observamos como se fan anuncios públicos contrarios aos consensos sociais tecidos no asociacionismo cultural e memorialista da cidade carentes da mínima seriedade e rigor.
É por elo que solicitamos estas dúas reunións urxentes. Compre actuar xa para que A Coruña non sexa un caso singular de incumprimentos en materia de memoria e retomemos o dialogo social e as convocatorias do órgano de participación en materia de memoria democrática na cidade da Coruña.

