Iniciativas sociais e políticas sobre memoria

A CRMH da Coruña súmase á campaña promovida pola Coordinadora da Querela Arxentina

A campaña coincide co 50 aniversario da morte de Franco, porque despois de 50 anos é hora de rematar coa impunidade do Franquismo. O manifesto elaborado pola Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina ven de elaborar o manifesto que reproducimos a continuación e que podes asinar tamén (ben de xeito individual, ben como colectivo) na seguinte ligazón: https://sites.google.com/view/contraimpunidad/inicio

50 anos de impunidade. Nin un máis

Despois de 50 anos da morte de Franco, aínda se manteñen impunes os crimes contra a humanidade cometidos durante máis de 40 anos de ditadura: asasinatos, desaparicións, traballo esclavo, espolio patrimonial, exilio, roubo de bebés, torturas, cárcere, represalias laborais, encerro de mozas en centros dominados pola Igrexa para o seu “control y reeducación”, etc.

Tras a morte de Franco o poder mantívose nas mesmas mans sen ningunha depuración tanto no  exército, coma na xudicatura, na administración, nas forzas de seguridade, na estrutura política así coma na lexislatura. Un poder que reprimiu duramente unha maioría da poboación que tomou as rúas para loitar contra ese mesmo réxime que se mantiña a través do terror e para conseguir un Estado democrático de dereito.  Un poder que construíu un muro de impunidade dos crimes franquistas.

O sistema de impunidade construído polos tres poderes do Estado despois da morte de Franco permanece até hoxe. Un poder lexislativo que mantén leis como a Ley de Amnistía, a Ley de Secretos Oficiales ou a Ley Mordaza. Un poder executivo que mantén unhas políticas de memoria histórica orientadas a recoñecementos institucionais moi insuficientes e a implementación de medidas de carácter administrativo e que omite deliberadamente calquera actuación que facilite o acceso á xustiza. E un poder xudicial que se nega reiteradamente a investigar e axuizar os crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista.

Centos de miles de persoas e os seus familiares que padeceron graves violacións dos dereitos humanos seguen en loita polo dereito a verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición.

Neste ano no que se conmemora o 50 aniversario da morte do ditador Francisco Franco e no que o Goberno programou con este motivo máis de 100 actos, desde CEAQUA queremos denunciar a inadmisión das máis de 115 querelas presentadas no Estado español que exixen a investigación xudicial dos crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista.

Seguir mantendo políticas de impunidade que impiden a investigación dos crimes franquistas resulta incompatible con políticas de rexeneración democrática, cando estas son absolutamente necesarias para expulsar das nosas institucións as múltiples lacras herdadas da ditadura que aínda perviven.

Por todo o anterior, e en aplicación dos tratados internacionais de dereitos humanos ratificados polo Estado español, animamos as asociacións memorialistas e entidades sociais  que se sumen a este manifesto para seguir denunciando os 50 anos de impunidade mantidos polo Estado español e exixir:

  • A derogación/modificación da Ley de Amnistía de 1977.
  • A modificación do Código Penal para introducir o principio de legalidade internacional
  • A elaboración dunha Lei de Secretos Oficiais acorde aos principios democráticos de transparencia.
  • A aprobación da Ley de bebés robados
  • A realización de informe e censo sobre as graves violacións de dereitos humanos da ditadura franquista para garantir o acceso a xustiza e a reparación.

Este Manifesto será presentado a todos os grupos parlamentarios do Congreso o próximo 27 de setembro, así como tamén en distintas instancias internacionais.

Partillar

Un comentario en «A CRMH da Coruña súmase á campaña promovida pola Coordinadora da Querela Arxentina»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *