A CRMH da Coruña súmase á indignación da familia de Moncho Reboiras, e solicita tamén unha correción pública.
A familia de Moncho Reboiras veñen de emitir un comunicado, que suscribimos e queremos tamén facer público. É o seguinte:
Carta ó presidente do Parlamento da Galiza, D. Miguel Santalices respecto da proposición non de lei do Partido Popular para retirar as estatuas na lembranza de Moncho Reboiras e as declaracións
falsas vertidas contra a súa memoria.
NOTA DE PRENSA DOS FAMILIARES DE XOSÉ RAMÓN REBOIRAS NOIA
Ante as recentes declaracións realizadas por responsables e representantes do Partido Popular respecto dunha proposición non de lei para retirar as estatuas na lembranza de Xosé Ramón Reboiras Noia situada nun espazo público de Santiago de Compostela e outros lugares, a súa familia quere facer pública a seguinte declaración:
Os familiares de Xosé Ramón Reboiras Noia expresamos a nosa máis profunda
indignación polos insultos, descualificacións e afirmacións falsas vertidas contra a súa
memoria.
Resulta inaceptable que se pretenda presentar a Xosé Ramón Reboiras como un “delincuente” ou como un símbolo do “enaltecemento da violencia terrorista”. Estas afirmacións constitúen unha grave falsificación da realidade histórica e unha ofensa á memoria dunha persoa que foi vítima da represión da ditadura franquista.
Como irmán e familiar directo de Xosé Ramón Reboiras Noia, quero manifestar publicamente que Moncho Reboiras nunca foi un delincuente nin un violento. Nos anos setenta, a violencia e o terror eran exercidos por un réxime ditatorial que negaba as liberdades democráticas e perseguía toda forma de oposición política, sindical e cultural.
Xosé Ramón Reboiras era un mozo de 25 anos, enxeñeiro de formación, comprometido coa defensa das liberdades democráticas, dos dereitos dos traballadores, da cultura galega e da soberanía de Galicia. A súa traxectoria e o seu compromiso social forman parte da historia, da loita pola democracia popular e polos dereitos civís no noso país.
Así o recoñeceu oficialmente o Estado español mediante a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal emitida polo Ministerio de Xustiza o dezaseis de xullo de 2009, na que se afirma expresamente que Xosé Ramón Reboiras Noia padeceu ilexitimamente persecución e violencia pola súa actividade en defensa do movemento sindical e pola súa militancia nacionalista, sendo finalmente asasinado o doce de agosto de 1975. Este documento constitúe un recoñecemento institucional da inxustiza sufrida e da necesidade de honrar a súa memoria nunha sociedade democrática.
Por todo isto, non podemos permitir que se insulte impunemente a memoria de quen foi vítima do franquismo. Se realmente se pretende avanzar no coñecemento da verdade, na reparación das vítimas e na construción dunha memoria democrática compartida, resulta imprescindible o respecto ás persoas que sufriron a persecución e a violencia da ditadura.
Solicitamos aos responsables destas declaracións que rectifiquen publicamente e que o Parlamento de Galicia preserve o respecto institucional debido ás vítimas da represión franquista e ás súas familias.
En Galicia non pode haber espazo para a manipulación da historia nin para a difamación das vítimas da ditadura.
A nosa solidariedade e apoio ás corporacións locais de Lugo, Santiago e Arzúa que tiveron a ben promover estas iniciativas simbólicas no cincuenta aniversario do seu asasinato.
Manuel Reboiras Noia

Facemos público tamén a vergoñenta iniciativa parlamentaria do Partido Popular, na que se insulta, denigra e minte sobre a morte de Moncho Reboiras

