A CRMH da Coruña valora moi positivamente a nova derrota xudicial dos Franco respecto do Pazo de Meirás
Nunha sentenza ditada no día de onte polo Xulgado nº 70 de 1ª Instancia de Madrid, atribúe ao Estado a propiedade de 559 obxectos que forman parte dos bens mobles do Pazo de Meirás
No día de onte resolveuse un dos litixios pendentes a respecto das reclamacións de propiedades en Meirás por parte da familia Franco tras unha demanda do Estado na que tamén se persoaron como coadxuvantes o Concello de Sada e mais a Xunta.
En concreto a sentenza atribúe a propiedade á Administración Xeral do Estado e a Patrimonio Nacional os bens en litixio, en concreto 559 bens, tanto bens mobles como de patrimonio documental.
A estes 559 bens que esta sentenza declara como públicos hai que engadirlle os outros 132 bens mobles que o Xulgado da Coruña xa declarou en xullo de 2022 como parte integrante do Pazo de Meirás e, por tanto, tamén de propiedade pública do Estado.
Un novo varapalo xudicial aos Franco ao respecto dos diferentes litixios que existen en relación co inmoble e bens mobles do Pazo de Meirás e que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña valora moi positivamente.
Queda pendente a resolución masis relevante e transcendente, esto é a que ten que resolver o Tribunal Supremo sobre os recursos de casación presentados onde se determinará definitivamente a propiedade do inmoble, e no caso que esta se manteña na Administración Xeral do Estado terá que resolverse a liquidación do estado posesorio, dado que as administracións alegaron nos seus recursos a condición posesoria de mala fe por parte de Franco e dos Franco.
Alégrome de verdade da xusta resolución. A seguir loitando polo Arquivo Militar e pola casa Cornide.
Saúdos.
Pingback: A última sentenza sobre os bens mobles do Pazo de Meirás, recoñece este ben como "un lugar de memoria" - Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña