
A CRMH solicita a intervención da Xunta de Galiza para a apertura do Pazo de Meirás diante do incumprimento constante da Lei por parte do Estado, e as limitacións sen razón ao acceso público a este ben.
Resulta intolerábel que estancias interiores que eran abertas aos visitantes na etapa en que a familia Franco organizaban as visitas a este ben, en cumprimento do recollido na Lei de Patrimonio Cultural, agora estean pechadas ao público por decisión do Estado.
Neste sentido queremos lembrar que o Pazo de Meirás é a dia de hoxe, tras a sentenza do TS de marzo do presente ano, un ben público a todos os efectos.
Demandamos esta medida con carácter inmediato en cumprimento da legalidade, máis tamén dentro dos parámetros da lóxica e a normalidade. E debe ser o primeiro paso no camiño dos traballos que quedan por facer en Meirás en materia de reformulación, usos e loita contra a impunidade que aínda segue presente ao redor deste ben.
A CRMH da Coruña ven de denunciar diante da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, o incumprimento sistemático e constante por parte da administración xeral do Estado (como propietario a todos os efectos) do réxime de visitas que establece a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza.
Sorprende o feito que agora que o Pazo de Meirás é un ben público a todos os efectos, sexa precisamente a etapa que máis limitacións se dan á visita pública (imposíbel ás estancias interiores das edificacións) que contrasta coa etapa anterior na que os herdeiros do ditador Franco eran os propietarios formais deste ben.
Hai que subliñar que os Franco amosaban e permitían estas visitas interiores en cumprimento precisamente da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, que non en poucas ocasións tivemos que denunciar o seu incumprimento, o que provocou tamén a apertura dalgún expediente por parte da Consellería de Cultura. Cumprimento da mesma Lei que agora reclamamos á Xunta de Galiza faga cumprir, diante da tamén sorprendente inacción no exercizo das súas competencias e obrigas en materia de Patrimonio Cultural no que ten que ver co Pazo de Meirás.
Sorprende tamén que sexa agora o Estado quen incumpra esta norma de xeito reiterado, cando o Pazo de Meirás debería funcionar xa como un ben no que o acceso debería ser normal, amplo e no que deberían existir xa actividades definidas para o desfrute público.
Desde a CRMH da Coruña reclamamos tamén – e máis unha vez – que se reformulen e convoquen as comisións de traballo previstas no protocolo que asinou no Pazo de Meirás no ano 2021 a iniciativa do goberno do Estado (e que non convocou desde ese ano), que nos permitan comezar nos diferentes traballos que quedan pendentes para desenvolver, e avanzar así na normalización democrática e converter Meirás nun espazo real de memoria.
ESCRITO PRESENTADO DIANTE DA CONSELLERÍA DE CULTURA DA XUNTA DE GALIZA
IMAXES DALGUNHAS ESTANCIAS E ELEMENTOS LOCALIZADAS NA PLANTA BAIXA E PRIMEIRO ANDAR PECHADAS POLO ESTADO Á VISITA PÚBLICA




























