A declaración BIC do Museo Carlos Maside, no esquecemento. Esiximos da Xunta de Galiza a urxente resolución do expediente a piques de caducar
As asociacións, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH da Coruña), AC Alexandre Bóveda da Coruña, AC Eira Vella de Betanzos e a AC Irmáns Suárez Picallo de Sada, denuncian a paralización do procedemento de declaración BIC do Museo Carlos Maside de Sada e esixen a resolución do expediente de incoación, xa que caducará o vindeiro 1 de agosto.


O día 11 de agosto cumprirase dous anos desde que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza publicou a Resolución de 1 de agosto de 2023 (DOG 11 de agosto de 2023) pola que se incoaba o procedemento para declarar BIC o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside situado no lugar do Castro de Samoedo en Sada, ao pé da empresa de cerámica actualmente do grupo Sargadelos.
A declaración BIC de Cerámicas do Castro é unha reclamación histórica do asociacionismo cultural memorialista porque o museo Carlos Maside É TAMÉN UN LUGAR DE MEMORIA, como así o repetía o seu fundador Isaac Díaz Pardo.
Lembramos xa vai para 15 anos que o Parlamento de Galiza acordara iniciar esta acción de declaración BIC. En todo este tempo, o Museo atravesou por unha etapa de ostracismo, boa parte do mesmo permaneceu pechado e é pública e notoria a posición da persoa que administra esa empresa, contraria a esta declaración.
Desde as asociacións culturais e memorialistas asinantes esiximos ao governo da Xunta de Galiza que defenda o interese xeral neste proceso e non os interses particulares da empresa, contrarios a esa declaración BIC, así como a adopción das medidas necesarias para recuperar o proxecto museográfico concebido por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo en plena ditadura franquista.
Todo elo diante da caducidade inminente do prazo para resolver a declaración BIC (2 anos) regulado no artigo 20 da Lei 5/2016 de 4 de maio do patrimonio cultural de Galiza que establece no seu artigo 20.2 que “o procedemento de declaración de inerese cultural deberá resolverse e notificarse no prazo máximo de 24 meses, que comezará a contar a partir da data da resolución da incoación. Tras o transcurso dese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento”.
Sería un escándalo que a Xunta de Galiza deixara caducar este procedemento, e este proxecto museográfico de incalculable valor quedase sen protección patrimonial, polo que esiximos da Xunta de Galiza que resolva de xeito urxente o expediente de declaración (que caduca o vindeiro 1 de agosto), en defensa do interese público e a memoria galega democrática e antifranquista.
As asociacións:
- Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
- Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
- Asociación Cultural Eira Vella (Betanzos)
- Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo (Sada)






Boa tarde. Desde a Plataforma Cidadã Carlos Maside gostaríamos de saber se ides fazer qualquer reclamação para que não esmoreça o expediente de declaração de Ben de Interese Cultural do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside , a que nós encantaria somármonos.
Saúdos,
PCMASIDE
Hai convocada unha reunión para este luns, para vermos que accións colectivas podemos adoptar. Máis información nesta ligazón: https://memoriadacoruna.gal/convocatoria-de-reunion-urxente-diante-da-inminente-caducidade-do-procedemento-bic-do-museo-carlos-maside/