A indignante ambigüidade franquista do Ministerio de Defensa na Coruña
O pasado mércores 1 de abril, desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) denunciabamos publicamente a existencia dun “Salón de Honor” adicado ao criminal de guerra Juan Yagüe no interior do emblemático edifcio da Capitania Xeral da Coruña. Faciamolo tamén diante do Ministerio de Politica Territorial e Memoria Democrática e do Ministerio de Defensa.
Ningún dos dous Ministerios tivo a consideración de contactar coa nosa asociación. Moi triste esto tamén, porque o que fixo a CRMH da Coruña foi canalizar a indignación e protesta de non poucos cidadáns que contactaron coa nosa asociación para pedirnos que actuaramos diante de semellante provocación ás vítimas do franquismo.
Máis a administración parece que si contestou ás preguntas dos medios. Despachou o asunto aludindo que todas as persoas que contactaron coa nosa asociación e mesmo a propia CRMH da Coruña estabamos equivocados. Que a sala de honra en cuestión estaba dedicada a Juan Yagüe Martínez del Campo, fillo este de do Xeneral Yagüe, e quen fora xefe da rexión militar noroeste.
Se nos fixamos nas publicación do Ministerio de Defensa ou do propio exercito de defensa foron sempre moi coidadosos na diferenciación entre o xeneral golpista e xenocida e o seu fillo. Ao primeiro sempre se referiron como “Yagüe”. Ao segundo como “Yagüe Martínez” ou “Yagüe Martínez del Campo”.
Máis xustamente para a denominación desta sala escolleron a denominación “Yagüe”, que convive con outra denominada “Alfonso XIII” que é contemporáneo co propio militar golpista, que alimenta a confusión e a ambigüidade.
En calquer caso o compartamento do Ministerio é inaceptábel, porque a confusión e ambigüidade que claramente existe aquí, non se pode contestar ante terceiros, cun “están equivocados”. Se o que se pretende é efectivamente honrar ao fillo do xenocida Yagüe, este feito ten que quedar claro e evidenciado na denominación escollida e nos materiais de imprenta que se deseñen.
O Ministerio debe desculparse. E sobre todo, modificar o nome da Sala polo de “Yagüe Martínez” que evite estas confusións e a dor innecesaria das vítimas do franquismo. Se é que realmente quere adicarlle esta sala a esta persoa e non a “Juan Yagüe”, o carniceiro de Badajoz.

