A sentenza sobre o Pazo de Meirás debe facernos reflexionar como sociedade democrática
Esta semana pasada coñecíamos a setenza histórica definitiva sobre a propiedade do Pazo de Meirás que desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña valoramos moi positivamente, como non pode ser doutra maneira. A confirmación de que o Pazo de Meirás é público representa unha vitoria do memorialismo galego e da mobilización social e cidadá na que a nosa asociación xogou desde o ano 2005 un papel fundamental.
Xa o dixemos moitas veces. Desde o memorialismo e a sociedade galega puxemos os elementos fundamentais que fixeron posíbel esta sentenza. A investigación documental e divulgación do coñecemento sobre o espolio, e a mobilización permanente sobre a reivindicación deste ben, foron as claves dun proceso longo ao que se foron incorporando diferentes actores, unha vez que se pon a disposición pública no ano 2017 da documentación e relato que fan posíbel o estudo sobre o proceso espoliatorio do Pazo de Meirás.
É a partires deste momento, coa confluencia destes diferentes actores cando se producen determinados feitos sobre o proceso que merecen que nos paremos e analicemos unha vez coñecida a sentenza. Tamén polo relato histórico do Pazo e do seu proceso de recuperación, porque non é certo o que se afirma na fundamentación xurídica que recolle o acordo de incoación do procedemento para a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática (BOE nº 211 de 2 de setembro). Un relato cheo de interpretacións máis que cuestionabeis, sen contraste nen participación do asociacionismo memorialista que leva anos traballando nesta cuestión, e no que se afirma que foi a “unanimidade das institucións galegas e do movemento memorialista galego” a que cobra forza na reivindicación de Meirás “tras a presentación dunha demanda por parte da Avogacía Xeral do Estado“. Esta afirmación, que nada ten que ver coa realidade, complementase con outra que consideramos pouco acaida , precisamente analizando o que pasa tras a presentación da demanda pola avogacía do estado: “A actuación das institucións supuxo un triunfo dos valores democráticos“. Vexamos.
O pasado xoves coñeciamos a sentenza do Tribunal Supremo que ratificaba o fallo emitido pola Audiencia Provincial da Coruña en febreiro de 2021, na que se declaraba aos heredeiros do ditador Franco como posuidores de boa fe do Pazo de Meirás entre os anos 1975 e 2019. Unha decisión que non colleu de sorpresa a ninguén, xa que foi o propio Estado coa colaboración de institucións e persoas concretas a que decidiron recoñecer aos netos do ditador esta condición.
Unha decisión que non por agardada, non debe deixarnos indiferentes. Todo o contrario, xa que nela radica moito dos males desta sociedade que non da sacado os pes da lama franquista, froito dunha mal chamada transición que normalizou en boa medida o franquismo e que avanza no sentido contrario a esa proclama realizada no BOE de “triunfo dos valores democráticos“.
Alguen imaxina que desde o mundo académico e xuridico podan os Estados italiano ou alemán normalizar aos heredeiros, no hipotético caso de que existisen, coa condición de posuidores “de boa fe” de bens espoliados polo fascismo ou nazismo? A que non?
Pois esa é a cuestión. Porque aquí quen pediu ese recoñecemento foi o propio estado español, previamente recollido nun documento promovido desde a Xunta de Galiza, que o propio estado presentou no anexo documental da demanda na que se reivindicaba no ano 2019 a propiedade do Pazo de Meirás. Vexamos en detalle o proceso:
A CONSTITUCIÓN DA COMISIÓN DE EXPERTOS SOBRE O PAZO DE MEIRÁS
No verán de 2017 viña de producirse un feito histórico. Tras un proceso de debate previo nun organo creado para o estudo das vías de recuperación do Pazo de Meirás, e denominado como “Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás” liderada por Goretti Sanmartín, a corporación provincial toma o acordo unánime para solicitar ao Estado, como a administración lexitimada xuridicamente para facelo, presente unha demanda civil reivindicatoria da propiedade do Pazo.
Posteriormente a este acordo, a Xunta de Galiza que presidía daquela Alberto Nuñez Feijoo decide crear unha “Comisión de Expertos” co obxectivo de realizar “un estudo xurídico que analice a posibilidade e os mecanismos que, respectando a legalidade vixente, permitan incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, tamén coñecidas como Pazo de Meirás…”. Dito estudo tiña outro condicionante. Que esta incorporación non implicase “un novo custo para o pobo galego”.
O acordo tomouse por unanimidade do Parlamento galego o 27 de setembro de 2017. Como consecuencia dél, a Consellería de Cultura nomeu a quen considerou como “grupo de expertos”. En concreto, foi a seguinte:

A exclusión do asociacionismo memorialista é evidente, non si? Onde está esa “unidade de acción entre as institucións galegas e o movemento memorialista galego” do que fala o BOE, aquí xa comentado?. Máis continuemos.
Ese Comité de expertos emite informe o 31 de maio de 2018 e que se remite ao Parlamento o 11 de xullo de 2018 que toma o acordo unánime de instar á Xunta de Galiza para que solicite ao Estado o inicio de accións legais para recuperar o Pazo de Meirás, persoarse nesta causa, e sen que esta supoña para o patrimonio público un novo custe.
O INFORME DA “COMISIÓN DE EXPERTOS” SOBRE A CONDICIÓN DOS FRANCO COMO POSUIDORES DE “BOA FE” DO PAZO DE MEIRÁS.
Na elaboración deste informe, que conclue tras a análise do proceso, existe causa para que a administración do estado inicie unha acción reivindicatoria do Pazo de Meirás. Máis tamén introduce unha afirmación que no seu momento xa foi fondamente criticado polo asociasmo memorialista. En concreto, na súa conclusión cuarta na que se afirmaba que a posesión dos heredeiros do ditador “pódese cualificar como unha posesión de boa fe”. En concreto, o que constaba no informe a este respecto era o seguinte:

É dificil entender como se pode incorporar este apartado a este informe, tendo en conta os antecedentes que mesmo se recollen no propio informe. Unha afirmación, incomprensíbel, imprudente, contradictoria, fora de lugar e mesmo discutíbel – como mínimo e vendo o que acontecería despois – desde un punto de vista xurídico.
Tamén é dificil de entender que todas as persoas que formaban parte desa “Comisión de Expertos” avalasen semellante afirmación sen o mínimo cuestionamento, agás da realizada pola representación do Concello de Sada e que reproducimos de seguido, no seguinte documento:
Tanto o acordo do Parlamento de Galiza, como o informe da Comisión de Expertos cos seus anexos, incluido o Voto Particular do Concello de Sada, foi remitido ao Ministerio de Xustiza o 31 de xullo de 2018, sendo titular dese Ministerio Dolores Delgado García. Recepcionase esta documentación en Madrid o 08 de agosto de 2018.
A SOCIEDADE REIVINDICA MEIRÁS
Durante todo o proceso que vai desde que a Deputación acada unanimidade para reclamar a titularidade do Pazo de Meirás no verán de 2017 (como resposta a un comunicado da Fundación Franco no que anunciaban que empregarían Meirás para facer apoloxía do franquismo), ate que o Estado contacta co memorialismo galego en febreiro de 2019, vaise intensificar a reclamación e mobilización social. A comezar nese verán do 2017, onde varios activistas memorialistas e nacionalistas, realizarán unha ocupación símbólica do Pazo de Meirás.

En novembro de 2018, entidades memorialistas, sociais, políticas, culturais, sindicais, veciñais…. convocarán unha nova Marcha, a 5º era. A participación nesta convocatoria foi masiva.



Un mes despois, o teatro Colón da Coruña, énchese con motivo dun acto artístico-reivindicativo contra o espolio da familia Franco do Pazo de Meirás, organizado pola Deputación da Coruña con motivo do 80 aniversario da toma de posesión do Pazo de Meirás polo ditador Franco.
Paralelamente ás convocatorias reivindicativas, estanse a organizar por todo o País, actos divulgativos do espolio con motivo da presentación do libro “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio” organizados pola Fundación editora deste traballo, a Fundación Galiza Sempre.
Os Franco comezarán en febreiro de 2019 un autentico acoso xudicial contra Carlos Babío, un dos seus autores, presentando demandas por inxurias e calumnias contra o ditador Franco, por afirmacións e relatos que conteñen o libro antes mencionado. Querelas que, por sorprendente que pareza, son admitidas a trámite polos xulgados.
Será neste contexto de forte carga reivindicativa e de indignación social cando se produce o primeiro contacto do Estado para estudar a acción reivindicatoria do Pazo de Meirás nese mes de febreiro de 2019. Fernando Martínez López, que naquel momento ocupaba a Dirección Xeral para a Memoria Histórica dependente do Ministerio de Xustiza, chamará a Carlos Babío para axendar unha reunión co fin de abordar este asunto.
A reunión celebrarase a tarde-noite do 20 de febreiro dese ano 2019 na sede do Ministerio de Xustiza en Madrid. Primeiramente entre os dous, e posteriormente con quen era daquela a Avogada Xeral do Estado, Consuelo Castro Rey.

Nesa reunión convirase a colaboración de Carlos Babío na confección da demanda, aportándose por parte deste toda a documentación que serviu como base da publicación do volume, Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.
A partir de marzo de 2019 comezarán as reunións na sede da avogacía do estado na Coruña nas que Carlos Babío nas que colaborará Manuel Pérez Lorenzo, coautor do citado traballo. Ambos participarán nas vistas que se celebraron na Coruña con motivo do xuizo pola devolución do Pazo de Meirás. A crónica destes traballos, realizados baixo unha discrección necesaria e acordada polas partes, foi recollida nun artigo do xornal “El País” tras a presentación polo Estado da demanda pola reclamación de Meirás.

A PRESENTACIÓN DA DEMANDA REIVINDICATORIA DO PAZO DE MEIRÁS POR PARTE DO ESTADO
O 17 de xullo de 2019 o Estado presenta nos Xulgados da Coruña a demanda. A decisión do cando, o como, a estratexia xurídica e a política comunicativa sobre o contido desta é unha decisión do Estado. Os demais, cando menos nós, enterámonos pola prensa da presentación

Algún tempo despois da presentación desta, e unha vez coñecida e analizado o seu contido, comprobamos que entre os documentos anexos á demanda que a avogacía remitiu ao xulgado, estaba aquel informe da “Comisión de Expertos” e no que se recoñecía aos Franco como posuidores de “boa fe”. A redacción que daba a avogacía do estado a esta cuestión na propia demanda, aínda fixo que comprendéramos menos a actitude que a Administración Xeral do Estado tiña con esta cuestión. En concreto afirmábase o seguinte:

Con esta situación celébrase o 31 de xaneiro de 2020 a vista previa do xuizo que se celebrará no mes de xullo dese ano, onde a avogacía do estado desdise respecto da documentación presentada, e solicita que se considere aos Franco como posuidores da mala fe para a liquidación do estado posesorio.
En concreto a Administración Xeral do Estado presenta unha alegación complementaria na que se solicitaba que no caso de que se accediese ás pretensións da administración (a devolución do Pazo de Meirás) non cabería a liquidación do estado posesorio, ao non existir boa fe por parte dos posuidores. Petición esta á que se sumaron a Xunta de Galiza, o Concello de Sada, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña como administración persoadas na causa.
PRIMEIRA SENTENZA E OS PRIMEIROS RECURSOS DIANTE DA AUDIENCIA PROVINCIAL
En setembro deste ano de 2020 coñecemos a sentenza. O Xulgado nº 1 de primeira Instancia da Coruña condena aos Franco a devolver o Pazo de Meirás. Tamén aceptase a petición do Estado recollida nesa alegación complementaria presentada pola Avogacía do Estado na vista previa, e considera aos Franco como posuidores de mala fe. En concreto decretase o seguinte

A continuación podes consultar a sentenza completa:
Os Franco presentan recurso contra esta sentenza diante da Audiencia Provincial da Coruña que falla en febreiro de 2021 manter a posesión do Pazo de Meirás en posesión do Estado. Mais estiman o recurso no que ten que ver coa liquidación do estado posesorio, declarando aos herdeiros do dítador a coa condición de posuidores de boa fe do Pazo de Meirás, e polo tanto recoñecéndolles o dereito a acceder a esta liquidación entre os anos 1975 e 2019.
A razón? Pois a principal vai estar nese informe da “Comisión de Expertos” aportado pola Avogacía do Estado. Compre suliñar, se queremos ser rigurosos, que a Avogacía do Estado non fundamentou a condición de boa na súa demanda de maneira expresa. Eso é certo. Máis a Audiencia Provincial da Coruña que fundamentou esa condición no informe da Comisión de Expertos, aportado no expediente pola Avogacía do Estado. Só basta ver o que día a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña nas súas páxinas 62 e 63 ao respecto


Podes descargar a sentenza completa da Audiencia Provincial da Coruña (ratificada en Sentenza do Tribunal Supremo) a continuación:
NOVA MOBILIZACIÓN EN SOLITARIO DO MOVEMENTO MEMORIALISTA GALEGO DIANTE DO FALLO DA AUDIENCIA PROVINCIAL DA CORUÑA
Diante desta nova sentenza da Audiencia da Coruña, o Estado manifestou a súa aceptación e a súa intención de non recorrela. Tan só manifestou esta intención o Concello de Sada, que como xa vimos, non aceptou a condición dos Franco como posuidores de boa fe desde o principio.
Diante desta situación, o movemento memorialista galego canalizou a indignación social realizando unha campaña a través da Iniciativa Galega da Memoria pola necesidade de presentar recurso a esa parte da sentenza que recoñecia a boa fe posesoria aos Franco.
Dentro desta campaña recolleronse nuns poucos días, máis de 3000 apoios ao Manifesto: “Volver a pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático” e que podes consultar na seguinte ligazón:
Esta mobilización social fixo que as Administracións públicas se sumaran ao anuncio realizado polo Concello de Sada e presentasen recurso de casación a esa parte comentada do fallo, diante do Tribunal Supremo.Novamente, esa manifestación aquí aludida ao principio deste anuncio e publicada no BOE como “unidade entre as administracións e o memorialismo” non existiu.
Coa chegada de actos de propaganda en Meirás do Estado, a división cada vez foi maior, sen que fose posíbel celebrar ningún acto de estado que non provocase divisións e protestas.
A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO, RATIFICA A SENTENZA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DA CORUÑA
A semana pasada coñeciamos a sentenza do Tribunal Supremo que ratificaba o fallo da Audiencia da Coruña. A razón principal? Pois o xa comentado “erro” da Avogacía do Estado na aportación dese informe da “Comisión de Expertos”. Tan só ler este parágrafo da sentenza para contratar definitivamente o motivo xa aludido en varias ocasións neste artigo:

Proximamente colgaremos unha valoración, xa en clave de futuro, do que consideramos que debe ser a folla de ruta a seguir. Máis compre que o Estado mude as suas actitudes co memorialismo galego que levamos décadas traballando tamén na reparación dos espolios do franquismo, e de xeito singular no de Meirás.
Compre tamén unha reflexión como sociedade, lonxe desas proclamas de “unidades de acción” e de “exemplos de triunfos de valores democráticos”. Evitemos no futuro este tipo de erros das administracións e institucións.

