Novas do asociacionismo memorialista

A vez que “El País” nos axudou a localizar á familia de Victoriano López García

Soubemos da morte de Victoriano na Prisión de Celanova uns días despois de ter publicada a lista de 86 nomes de represariados que foron soterrados no cemiterio de San Breixo entre 1936 e 1943. Case ao mesmo tempo demos con outra vítima, Telesforo, tamén toledano, de Alcañizo. A lista incrementouse até os 88 nomes. Estes dous nomes son a nosa achega á lista de presos falecidos ou asinados no cárcere que publicara hai anos Rodríguez Teijeiro nun traballo imprescindíbel para levantar os velos sobre a Prisión Central. A nosa idea é ir completando as historias de cada unha daquelas vítimas. Mais o urxente é dar coas familias.

E desta volta a información chave para dar coa familia de Victoriano en Guadamur foi unha carta ao director publicada en El País no ano 2004. A xornalista Silvia R. Pontevedra non so nos facilitou a carta senón que se ofreceu a indagar sobre o asinante. E deu con el, cun bisneto de Victoriano. Hai dúas semanas Luis Miguel Soto púxose en contacto co Comité de Memoria da Comarca de Celanova para compartir datos sobre o seu bisavó, e agradecer que se tivera documentado por fin o seu último destino, xa que a familia pensaba que Victoriano acabara os seus días no cárcere de Ocaña e sen ter tido noticia de onde podía estar soterrado, como nos casos de centos de toledanos que durante tres anos viviron na fronteira entre a España republicana e a España baixo o xugo dos sublevados.

𝗩𝗜𝗖𝗧𝗢𝗥𝗜𝗔𝗡𝗢 𝗟𝗢́𝗣𝗘𝗭 𝗚𝗔𝗥𝗖𝗜́𝗔 era unha vítima da represión na Prisión Central de Celanova até agora descoñecida.

Onte El País publicou unha información sobre a boa nova dunha familia toledana que 83 anos despois descubre onde está soterrado o seu bisavó. https://acortar.link/0WhxhG

Estes son os documentos que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova sacou do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e que permitiron completar a historia de Victoriano e poñernos en contacto con Luis Miguel (o autor da carta a El País en 2004, a través da xornalista Silvia R. Pontevedra) e Moisés (a través de Emilio Sales, do Foro por la Memoria de Toledo).

𝗩𝗜𝗖𝗧𝗢𝗥𝗜𝗔𝗡𝗢 𝗟𝗢́𝗣𝗘𝗭 𝗚𝗔𝗥𝗖𝗜́𝗔 foi, cronolóxicamente e segundo a lista agora actualizada, a vítima nº68 soterrada en San Breixo. É posíbel que haxa máis, pero até hoxe temos constancia de 88 vítimas entre o 36 e o 43 que recibiron sepultura no cemiterio parroquial de Celanova. E eses nomes figuran xa no memorial que o artista Baldomero Moreiras, membro deste Comité, creou en ferro e aceiro.

Victoriano López García era un xornaleiro natural de Guadamur (Toledo), tiña 76 anos e era viúvo cando ingresou na Prisión de Celanova o 1 de novembro de 1941, procedente da de Ocaña (Toledo). Foi preso en agosto do 39 e sometido a consello de guerra en Toledo ao ano seguinte.

O médico da Prisión Central de Celanova notifica como causa do falecemento a morte natural (“senectud”) ás 19,45 horas do 15 de decembro de 1941.

Foi soterrado no cemiterio parroquial de San Breixo. O ataúde, a condución e o enterramento custou 69 pesetas, segundo a factura presentada á Administración da Prisión pola funeraria de Isidro Roig.

No 2004, o bisneto dunha vítima da represión franquista escrebe unha carta ao lector en El País. E conta del: “persona buena y sencilla, republicano sin exaltaciones ni violencias, muerto en la cárcel de Ocaña creemos que en 1941.” Era a última pegada da historia de Victoriano.

Agora, coa axuda da familia, poderase reconstruír a súa historia e renderlle homenaxe alí onde un día foi soterrado o seu corpo.

Nos próximos días lanzaremos tamén unha alerta de busca da outra vítimas que non tiñamos rexistrada até este mes: TELESFORO, falecido na Prisión de Celanova en setembro do 41.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *