A Xunta de Galiza sigue sen facer cumprir a Lei a respecto das visitas públicas á Casa Cornide
A Consellería de Cultura non atende un requerimento da Valedora do Pobo
O pasado 16 de abril, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, presentaba unha queixa diante da Valedora do Pobo e a través do seu presidente, polo reiterado incumprimento da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza ao respecto da imposibilidade de realizar visitas públicas á Casa Cornide.
A Lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galiza establece no seu artigo 48.1 que “as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente”.
Non consta causa xustificada que dispense á propiedade deste ben do cumprimento da obriga de permitir a visita pública regulamentada no artigo citado no punto anterior, nin que a consellaría de Cultura requerise o cumprimento da obriga de acceso ao público á Casa Cornide, de acordo coas competencias que lle atribue a Lei 5/2016 no seu artigo 48.4.
Ante esta denuncia, o presidente da Xunta de Galiza anunciara dias despois, que “tomaría todas as medidas necesarias para que se cumprise a Lei a respecto das visitas á Casa Cornide”. Alfonso Rueda tamén afirmou que “a parte que nos toca, é facer cumprir a Lei, e se non se está a cumprir, tomaremos todas as medidas para que se cumpra”.
No día de hoxe, a Valedora do Pobo notificou ao presidente da CRMH da Coruña que ven de facer un novo requerimento ao Conselleiro de Cultura para que emita o informe ao respecto, lembrándolle a súa obriga legal.
Desde a CRMH da Coruña queremos, unha vez máis, denunciar o xa prolongado incumprimento das obrigas legais da familia propietaria da Casa Cornide amparado pola Xunta de Galiza, ao citado dereito da cidadanía de poder visitar de balde este ben patrimonial espoliado ás coruñesas e coruñeses polo réxime franquista.
Xunta Directiva da CRMH da Coruña