Abramos as xanelas de María Pita !
Este pasado sábado celebramos un acto reivindicativo para a retirada dos retratos de golpistas e franquistas do palacio municipal de Maria Pita. Nesta concentración dimos lectura a este manifesto:
Abramos as xanelas de María Pita!
DESCOLGEMOS OS RETRATOS FRANQUISTAS DO CONCELLO DA CORUÑA!
Estamos hoxe reunidos aquí pola preocupación que nos causa as constantes trabas, incumprimentos e inacción do concello da Coruña sobre todo o que ten que ver coa retirada da simboloxía franquista da nosa cidade.
A lista de agravios e incumprimentos por parte do Concello da Coruña nesta materia, converten á cidade da Coruña nun caso singular no conxunto do estado Español no que ten que ver co mantemento, 50 anos após da morte do ditador Franco, dun autentico “parque temático” da simboloxía e de elementos contrarios coa memoria democrática.
Esta triste e sorprendente actitude do goberno municipal da Coruña, de claro e constante incumprimento da legalidade en materia de memoria democrática, fixo que a CRMH da Coruña acudise recentemente á fiscalía de DDHH e Memoria Democrática, que a raiz desta comparecencia iniciou dilixencias preprocesais ao Concello da Coruña, requiríndolle a elaboración dun informe sobre a cuestión. Este requirimento aínda non foi contestado a día de hoxe.
Desde a CRMH da Coruña consideramos que a retirada da simboloxía franquista non é unha cuestión exclusivamente relacionada co cumprimento da legalidade, que tamén, é por riba de todo unha cuestión de defensa dos dereitos humanos e de compromiso cos valores dunha sociedade democrática.
É por elo que desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña esiximos que se comece coa retirada dos 18 retratos de golpistas e franquistas do Palacio Municipal de María Pita. Unha retirada que non precisa nin de expedientes nin de procedementos administrativos. Tan só da vontade e do compromiso democrático dun acto tan simple como é descolgar un cadro.
Pola defensa dos dereitos humanos e dos valores democráticos,
DESCOLGEMOS OS RETRATOS FRANQUISTAS!!
Abramos as xanelas de María Pita!!

