Actualidade

Acto con Maruxa Seijas no IES Agra I da Coruña

Na mañá de hoxe, Maruxa Seijas, participou nunha actividade sobre Memoria da cidade na Coruña, con alumnas da clase de oratoria de 4º da ESO, nun acto organizado polo IES Agra I e colaborado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

Maruxa Seijas foi nomeada pola CRMH da Coruña neste ano coo Republicana de Honra

100 anos de memoria viva dun barrio, A Silva e arredores, que sofriu duramente a represión franquista.

100 anos de sabiduría que transmitirá nun debate coas alumnas do Departamento de Oratoria, e que, ata o de agora, non se atopa nos libros de texto.

É historia viva dos séculos XX e XXI, dos tempos da Segunda República, dado que naceu un 12 de abril do 1925, e da represión da Ditadura franquista, dos tempos da guerra civil  e da postguerra, na cidade da Coruña. Naceu no nº 19 da Silva, diante da Gandería, onde se atopa hoxe o Centro Cívico do barrio. E é tamén memoria viva da actualidade, dado que a súa capacidade de lembranza segue en activo. E tal é así que compartirá as súas lembranzas coa rapazada ávida de aprender, por medio dunha entrevista das mozas da clase de Oratoria de 4º da ESO.

Lembra o populoso barrio obreiro da Silva, Cances, A Moura, a Fontenova…. e os habitantes que estaban e xa non están. Amigos que se foron, mozos asasinados polo franquismo, casas que viviron a fame e as penurias,  irmáns que sufriron tormentos e cárcere…Veciñanza que pagou caro o seu atrevemento de querer vivir en liberdade, ou aprender no ateneo libertario “El resplandor en el abismo”, moitos simplemente a ler e escribir e pagárono con cadea e morte.

Moitas vítimas, entre outros o fundador do centro libertario da Fontenova, José Boedo López, pai do coñecidísimo cantante Pucho Boedo, así como os amigos dos seus irmáns, Arturo Meirás, Holando Mosquera Rodríguez, Fernando Pombo Segade, que pagaron coas súas vidas o atrevemento de estar sindicados na CNT, polo ben de seu futuro económico e social e da súa sociedade, xa nos primeiros tempos do golpe de estado fascista.

Logo,  no 1937, perdeu tamén aos seus amigos e coñecidos Luis Lafuente Naveira, Francisco Díaz Moreno, así como José Antonio Boedo Nuñez, irmán de Pucho Boedo. Padeceu toda a súa familia, como exemplo, a morte do seu tio Alejandro Basilio Palacios, marido da súa tia María, asasinado en xullo de 1937, e ela encadeada no cárcere provincial.

Os seus propios  irmáns, Fernando e Marcelino, así como José Añón, Enrique Roca Gantes, Arturo Valeiro Casares, Manuel “Taleche” Díaz Moreno … sufriron longos anos de cadea, despois de marzo de 1947. O seu irmán Argimiro padeceu o “turismo carcelario” polos penais do Estado durante moitos anos.

E nos campos de exterminio nazi ficou o seu cuñado José Alvedro.

Maruxa lembra o día do golpe militar fascista, lembra a fuxida de familias enteiras cara Bens, Meicende…, andando con súas crianzas. É pois un reflexo do que segue acontecendo hoxe, das masacres nas que sofren os de sempre, os que nada teñen, salvo un emprego miserable e unha familia.

Pero Maruxa é tamén memoria viva dos verdugos, dos colaboradores da Falange, dos militares golpistas e da garda civil. E ata da Igrexa, que bendixo a “Cruzada” e pretendía dobrar ao seu pai, Eugenio, que morreu sen baixar a cabeza, e que ensinoulles á familia a necesidade de erguerse ante as desgrazas causadas pola Ditadura. 

E sempre, e xa van máis de 20 anos, colaborou coa nosa entidade de memoria histórica. Con eterna gratitude cara ela, compartimos hoxe un tempo coas xentes mozas, para que sirva de exemplo do que debería terse feito, polo menos hai xa 50 anos, rematada a Ditadura oficialmente coa morte do responsable de tanta maldade. 

Pero  non todo ían ser desgrazas. Tamén houbo un barrio divertido, que tiña na Praciña  da Silva seus “caballeteros”, teatro, e ata cine dos Edmundo e Solla, así como un entroido característico, no que seu marido, “O Queleré”, artellaba coplas, e disfrazábanse mozos e mozas, rachando coas limitacións moralistas do réxime fascista por uns días.

Grazas aos mestres Rubén Melide e Luisa Villanueva implicados no desenvolvemento deste debate. Fagamos entre todas que sexa un modelo para “exportar” ao resto de Institutos da Coruña e de Galiza.

MEDRE A MEMORIA !!!

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *