Acto de presentación do libro de Luis Lamela “Golpistas e represores”
O libro recolle datos inéditos fundamentais para o coñecemento da represión franquista desde a visión dos vitimarios, esto é, desde aquelas persoas que exerceron sobre as vítimas toda clase de vexacións, delitos e asasinatos.
O acto de presentación tivo lugar na biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga e encargouse de abrilo a directiva da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña Beatriz Gómez Amigo que fixo un pequeno percorrido pola vagaxe investigadora e as aportacións fundamentais no mundo da investigación que ten aportado Luis Lamela.
Tomou de seguido a palabra de seguido o exdeputado no paralmento galego Antonio Campos Romay que afondou no valor do traballo que se presentaba titulado “Golpistas e represores. Retratos e memoria histórica de falanxistas galegos” (Edicións Laiovento), e da necesidade de seguir recuperando a Memoria Histórica antifranquista.
Rematou a quenda de intervencións Luis Lamela, no que fixo fincapé na importancia de recuperar a memoria desde a perspectiva dos vitimarios, a pesar das dificultades e fonda investigación que precisan este tipo de traballos. Relatou algun dos perfís que se recollen no seu libro, que son moitos, mais lembrou que a pesar da cantidade de datos que se ofrecen “non están, nin moito menos, todos os que participaron da represión”.
Nas diferentes intervencións que se produciron no publico que encheu a biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga houbo unanimidade en parabenizar a Luis Lamela por este traballo tan intenso de investigación, e tan necesario.
A “Sala Antonio Rosón” do Parlamento de Galiza. Un simbolo contrario á Memoria Democrática.
No libro de Lamela recollénse datos inéditos e contrastados do falanxista Antonio Rosón como represor. No acto ademais do autor e as persoas que o acompañaban na mesa, amosaron o seu rexeitamento e incomprensión de como no ano 2021 a Mesa do Parlamento de Galiza acordara nomear a unha das Salas desa sede co nome de “Antonio Rosón”.
Ese nome vulnera claramente a actual Lei de Memoria Democrática como elemento contrario aos símbolos e elementos contrarios regulados na citada Lei recollidos no seu Capítulo IV.
O autor do libro ofreceuse a aportar a documentación necesaria ao Parlamento de Galiza para que non quede dúbida algunha da circunstancia anteriormente apuntada, polo que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, como entidade organizadora do acto de presentación do libro, anunciou que nos vindeiros días presentará escrito no parlamento de Galiza dirixido ao presidente desta institución e aos grupos parlamentares da cámara, para que teñan en conta a obrigatoriedade do cumprimento da Lei de Memoria Democrática e a aportación que ofrece o investigador Luis Lamela para demostrar claramente que o nome desa sala do Parlamento representa un simbolo contrario á memoria democrática.
Por último queremos agradecer desde a CRMH da Coruña este novo traballo de Luis Lamela que se suma a toda unha traxectoria de compromiso coa Memoria Histórica.




