Actualidade

Acto nacional en homenaxe ás vítimas do franquismo; a illa de San Simón e o Pazo de Meirás, lugares de memoria democratica.

Hoxe celebramos na illa de San Simón a homenaxe nacional ás vítimas da represión franquista na illa da San Simón. Este ano adicado á reivindicación para que San Simón e Meirás sexan declarados lugares de memoria democrática.

A continuación reproducimos o manifesto ao que se lle deu lectura no día de hoxe e a unha galeria fotográfica do acto de hoxe na illa de San Simón:

A illa de San Simón e o Pazo de Meirás cumpren sobradamente coas características que esixe o artigo 49 da Lei de Memoria Democrática para ser declarados lugares de memoria. De aí que até unha trintena de asociacións espalladas por toda a xeografía galega nos adherísemos a este obxectivo común coordenado pola IGM, co fin de acadar para estes dous lugares senlleiros do noso país, o recoñecemento institucional que xa teñen moral e socialmente desde hai décadas, por parte dunha sociedade que gardou e divulgou a memoria viva destes espazos tan simbólicos pola represión levada a cabo neles a partir do golpe de Estado e posterior ditadura.

            Os dous son lugares vinculados á represión e violencia sobre a poboación. Lugares de memoria, lugares de resistencia, loita democrática e solidariedade, lugares vinculados á memoria democrática e antifascista, a loita da cidadanía polos seus dereitos, lugares onde se desenvolveron feitos de singular relevancia, pola súa significación histórica, simbólica, ou pola súa repercusión na memoria colectiva.

            San Simón: campo de concentración, prisión franquista e lugar de represión de 1936 a 1943, cunha dimensión que sobardou o país, significado no período en que as illas foron espazo de represa, cativerio, adoutrinamento, torturas, asasinatos. Este simbolismo de San Simón fica perfectamente reflectido na carta enviada aos seus polo preso republicano de Cangas do Morrazo José Mejuto o 24 de maio de 1937, poucos días antes de ser fusilado:

            “…Cuando seáis mayores y hagáis una visita a esta isla, no como yo la he hecho, a la fuerza y con las manos atadas, sino en plena  libertad, recordad que allí ha estado vuestro padre. Que cada rincón de la isla es un recuerdo mío, que aquellos mirtos que forman un paseo, era lugar predilecto mío y en el que me entregaba a mis meditaciones. Que en él pasaba la mayor parte  de las horas del día acariciando la esperanza de algún día ser libre para llevar a mi hogar la alegría perdida y volver a serpara vosotros y vivir para vosotros.”

            Tamén, sen dúbida o Pazo de Meirás é un símbolo indiscutíbel de loita social vinculada á memoria democrática. Un exemplo de loita contra a impunidade. De denuncia e reclamación da cidadanía contra un espolio, e os abusos cometidos polo franquismo.

            A propia Sentenza de setembro de 2020 do Procedemento da acción reivindicatoria do Estado sobre o Pazo de Meirás pon en valor esa loita cidadá, facendo un percorrido polas accións reivindicativas máis singulares, que se inician practicamente desde a morte do ditador Franco, tendo como momento singular o nacemento das entidades memorialistas.Tamén é importante sinalar o contributo desde o ámbito memorialístico a investigación que reconstruiu e achegou luz ao esclarecemento da verdade, que tamén se pon de manifesto na citada sentenza:

            “a memoria histórica impide esquecer a estreita vinculación das Torres de Meirás coa figura de Francisco Franco desde o ano 1939, pois, a partir desta data, o pazo convértese nun referente arquitectónico, acaso na construción máis mediática de toda a etapa franquista, pois foi a residencia estival do xefe do Estado español durante case catro décadas, e alí tiveron lugar numerosos consellos de ministros, visitas de estado, recepcións oficiais e diversos actos, que foron enchendo unha vida histórica que superou sobradamente o marco xeográfico da Galicia de Emilia Pardo Bazán”.

            Este espazo insular que hoxe pisamos é na actualidade un valor patrimonial, ambiental e esencialmente, un recurso da nosa memoria histórica democrática común, que se ve luxado con actividades de todo tipo, predominando en moitos dos casos as de lecer e tempo libre, sen aparente criterio, que acabou por converter a illa -a pesar dun curto impás institucional entre 2005 e 2009, na que foi accesíbel para o recoñecemento do que nela acontecera-, nunha atracción turística, con claros intereses lucrativos, que desbota e a súa realidade histórica, perverte e vulgariza os valores humanos, históricos e pedagóxicos, tal como se pode observar nas dispares actividades que teñen lugar opacando a auténtica realidade, presente na memoria colectiva e popular, investigada e ficcionada a través de numerosas expresións culturais, que contribúen a abandonar un proxecto formalizado de memoria democrática baseado na súa historia, na educación e na cultura.

            Deste modo, accións como procuras do tesouro, concertos masivos, celebración de eventos festivos ou visitas organizadas polas diferentes navieiras da ría de Vigo que apenas informan do período carcerario franquista, confirmado todo isto pola actitude da propia Consellaría de Cultura de Galiza que autodenomina eufemisticamente San Simón como espazo de creación e illa do pensamento, prescindindo practicamente das referencias ao campo de concentración, prisión e xestionando o lugar sen rigor e respecto.

            Estamos a falar de dous Bens de Interese Cultural a instancias da administración galega en 1999, a illa, e 2008, o Pazo, sitios históricos os dous, memoria viva da xente, do pobo organizado, que reivindica que se sinalen, divulguen e traten como é debido, como dita o sentido común que require socializalos. E para isto nos acollemos á Lei de Memoria Democrática do Estado, para que os protexa, racionalice o seu uso e acabe deste xeito coa inacción belixerante dun goberno da Xunta de Galiza que os oculta e corrompe con entroidadas, caso de San Simón, ou agocha con covardías literarias, caso de Meirás.

As asociacións levamos quince anos ininterrompidos realizando esta Homenaxe Nacional ás vítimas da represión franquista na illa da memoria, símbolo de todos os espazos da memoria do noso país, facendo o que a administración galega tería que facer por decencia e humanidade, e non fai; e continuaremos así, aquí e en Meirás, ou onde quer xigante a nosa voz pregoe todas as persoas e todos os lugares.

                                                            Illas de San Simón e Santo Antonio, 21 de xullo de 2024.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *