Poemas da Memoria

As cicatrices do mar

Maite Martínez Rodríguez

O medo, os recordos só unha milla atrás, a esperanza forzada, o incomprensible que abarrota o pensar e o sentir, o sangue fóra das veas, sachan o rego de espuma.

O horror, tamén unha milla atrás. Ser morto, fantasma, fuxido con fusil, unha milla atrás.

Diante do rego de espuma, expulsada da terra que te fixo.

A auga queda rachada para sinalar o camiño de volta.

Esa é a ansia.

Cantas cicatrices tes, mar?

Cantas mortes escapadas marcan o teu corpo, protector de presentes e fronteira para futuros?

Cantas veces che falaron do amor e dos desexos atracados nos barrancos, nos rochos, nos cárceres, nas estacións do ferrocarril?

E dos asasinados, das torturadas, dos perseguidos, das humilladas, dos envoltos pola terra que os berra?

O mar berra tamén o cativas que foron as súas vidas. Escóitao!

Díxomo a muller que fendeu cicatrices no mar, sucos na terra, liñas no ceo.

A muller enteira de dignidade, afán e xustiza, facedora incansable de itinerarios de memoria, rexurdimentos e porvir.

Ela escapou da morte de vez. Confesou o mar. A súa existencia paga as nosas, mostrando por sempre a inmensidade das vidas.

A Coruña, abril 2012

Homenaxe ás vítimas da represión franquista. Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. 13/04/2012. Memorial da avenida de Navarra. A Coruña.

Ás vítimas da ditadura franquista

A Mariví Villaverde Otero, refuxiada

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *