Actualidade

As fosas comúns da Coruña, ignoradas no mapa de fosas do Estado

Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) queremos mostrar a nosa indignación ante o feito de que no Mapa das 6000 fosas, presentado en Madrid o pasado 12 de novembro pola Secretaria de Estado de Memoria Democrática, non figuren as fosas nen os represaliados de boa parte da comarca da Coruña.

En concreto queremos denunciar que no mapa de fosas só aparece nomeada a “fosa común de Sto. Amaro” para dizer que está “dignificada”, onde se atoparían “un número indeterminado de vítimas”, algo que “estaría pendente de estudo”. O estado tan só ten constancia, a dia de hoxe, de que se encontre ali unha persoa, Generoso Rivadulla Mallo.

Isto supón un desprezo ao traballo do movimento memorialístico, das asociacións e colectivos que traballamos pola memoria e ás familias das persoas asasinadas que levan moito tempo procurando verdade, xustiza e reparación.

Queremos lembrar que a CRMH da Coruña, coa colaboración do Concello da cidade xa publicou un estudo sobre as fosas comúns de Sto. Amaro na que se documentan os enterramentos dun total de 268 persoas, tanto fusiladas como paseadas. Temos constancia da existencia de 45 enterramentos colectivos que son a proba das diferentes matanzas que houbo na Coruña aqueles anos e de varios enterramentos anónimos nos que se sepultou a varios membros da guerrilla executados a garrote vil.

Sabemos que persoas son, con quen e como foron enterradas e sabemos tamén que só 37 delas foron exumadas a principios dos anos 40 porque as súas familias poideron saber onde estaban e tiveron a capacidade de facelo. A realidade é que a maioría das persoas enterradas en Sto Amaro continuan asi, en fosas anónimas e dispersas por todo o cemitério, sen dignificar.

Resulta sorprendente que o mapa de fosas ignore a existencia destes 268 veciños e veciñas da Coruña,

repartidos nun total de 37 fosas comúns e varios enterramentos individuais anónimos ao longo do cemitério.

Queremos lembrar que, ao menos unha terceira parte das 600 persoas asasinadas polo franquismo na comarca da Coruña continuan desaparecidas, e que os seus corpos foron sepultados en diversas fosas repartidas polos concellos da comarca, enterramentos que tampouco figuran no mapa de fosas.

Que na actualidade estas persoas asasinadas continuen desaparecidas e que o estado ignore onde están é a proba mais evidente de que a impunidade dos crimes do franquismo continua a dia de hoxe.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *