Actualidade

Ataque fascista en Arzúa

Condenamos firmemente e sumámonos ao estupor da veciñanza diante da vandalización da escultura de Juan Vidal, alcalde de Arzúa fusilado en 1936. Súmamonos deste xeito tamén ao comunicado emitido polo concello de Arzúa que reproducimos a contituación:

O Goberno municipal do Concello de Arzúa (BNG, A.A. e PSOE) manifesta o seu rexeitamento absoluto e a súa profunda preocupación polo acto vandálico cometido contra a escultura de Juan Vidal, alcalde de Arzúa fusilado polo fascismo no ano 1936, que apareceu esta mañá pintado cunha lenda que di “Gobierno de rojos, época de piojos”.

Trátase dun ataque fascista en toda regra, unha agresión contra o noso patrimonio colectivo e contra a memoria democrática que representa a figura de Juan Vidal e outras persoas que foron represaliadas pola ditadura franquista no noso Concello, e que son símbolo do compromiso coa liberdade e coa xustiza social.

Desde o goberno municipal expresamos o noso apoio e solidariedade coa familia de Juan Vidal e coa de todas as persoas represaliadas en Arzúa así con todas as persoas que manteñen viva a memoria das vítimas da represión franquista. Arzúa non pode nin vai permanecer calada ante actos que pretenden sementar o odio e borrar a nosa historia.

O Concello actuará de inmediato para restaurar a escultura e poñer os feitos en coñecemento das autoridades competentes, co obxectivo de que se investigue o sucedido. Reafirmamos o noso compromiso coa memoria democrática, coa convivencia e cunha Galiza libre de intolerancia e de esquecemento.

Goberno municipal do Concello de Arzúa

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *