Opinión

Aurelio, O Cunetas, fascista de pleno

Grazas a MUNDIARIO e ao seu editor por manter ese espírito que permite o confrontamento de ideas dentro dun marco cívico. Os marcos son importantes. Sobre todo entre demócratas de índole diversa, e son decisivos na cuestión que segue, porque quen racha a convivencia ou se sitúa fóra dela con actitudes mafiosas e de desprezo absoluto pola razón merece o rexeitamento da comunidade.

Un artigo de ERIK DOBAÑO publicado orixinalmente en MUNDIARIO

O máis estúpido que escoitei estes días a conta dunhas inaceptábeis manifestacións dun concelleiro de Sada é que a crítica estaba a sacalas fóra de contexto. Por iso este artigo vai do contexto.

O contexto era o seguinte: o Estado español, a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, leva anos tratando de desactivar a posibilidade de que o Pazo de Meirás se converta nun catalizador das aspiracións de verdade, xustiza e reparación do pobo galego; o secretario de Estado deseñou unha estratexia para converter ese espazo nun altar á memoria da señora Pardo Bazán, na que conta con insignes peóns deste país colonizado e covarde; mais a esquerda nacionalista e independentista non compra ese relato, e esa tensión chegou ao pleno de Sada, onde o grupo do alcalde e o do BNG competiron, segundo a interpretación dun concelleiro, por ver quen se situaba máis á esquerda…

Nese contexto, o concelleiro Aurelio Lonja Tajes espetou: “Encantoume ese debate, a ver quen caía máis á esquerda. Teñan coidado, non vaian caer os dous nunha cuneta”.

O señor Lonja rachou completamente os marcos e o contexto foi, precisamente, o que fai máis terribles as súas palabras: unha ameaza directa, concreta e brutal, un despregue de chulería fascista, con ton e expresións moi explícitas. “Teñan coidado”, unha cuneta…

Non é difícil imaxinar cantas veces, entre 1936 e ben entrados os anos noventa, se escoitaron neste país ameazas similares, e cantas delas se cumpriron. As cunetas aínda seguen cheas de ósos. Como en Camboxa.

Aurelio, o cunetas, é un fascista. Só un fascista é capaz de pensar e dicir algo así. O fascismo non morreu con Franco, xa o sabiamos. O fascismo pervive en determinados núcleos da política e doutras artes. Non se elimina fácil, malia a educación pública, laica e universal. Mais só temos ese camiño para erradicalo. Non máis cunetas.

A cousa non debería quedar aí, convertida en anécdota. Este Estado que se dotou dunha Secretaría de Memoria e dunha lei de memoria tamén se dotou dunha Fiscalía de Memoria Democrática. En Madrid, a xefa é Dolores Delgado; na Coruña é Encarnación Mayán, unha das que máis se está deixando ver na Galiza, interpelando á Administración sobre cuestións de simboloxía e colaborando con familiares de vítimas na anulación dos procedementos franquistas. Parece o cargo público máis axeitado para lle pedir explicacións e, se as houbera, responsabilidades a Aurelio, o Cunetas, un fascista de pleno.

Pode que diante da Fiscal, o Cunetas se retracte, prometa non volver abrir a boca e abandone o seu cargo mentres medita sobre o que dixo, se é o que pensa ou se se lle escapou porque non pensa moito o que di.

Aurelio, xa o saben, é do PP. Pero iso é o de menos. O importante é o contexto: co PSOE en franca retirada de calquera posición avanzada na loita pola memoria antifascista, e o fascismo asomando francamente por todas partes, mesmo en Sada, a carón do Pazo de Meirás, onde estivo tantos anos acariñado por aquel alcalde innombrábel (é que non lembro o seu nome). As cousas non acontecen onde acontecen porque si. Por iso, no Pazo, o que pasou foi o franquismo, non o pardobazanismo, un triste invento de hai uns días. O Aurelio é unha alerta sobre o que convén facer co Pazo… a non ser que o Estado pense que as e os cunetas teñen que seguir como as deixou Franco.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *