Republicanas de Honra

Aurora Marco López (Republicana de Honra 2014)

Nacín o 1 de febreiro de 1948 en Noguera de Albarracín (Teruel), un pequeno pobo rodeado de montañas no Macizo do Tremedal, a 1386 m de altitude, na zona norte dos Montes Universais. Ali estaba destinada miña nai, mestra galega, que casara cun aragonés. Daquela etapa da nenez gardo lembranzas imborrábeis: os xélidos días de inverno, os xogos coa rapazada pola montaña que había detrás das casas desafiando a neve e os perigos, aqueles vestidos que nos facía miña nai para estrear o día da festa de San Miguel, a moto de meu pai (sempre que saía de viaxe, púñame enferma), a casa onde vivíamos con grandes balconadas, “Casa de los Maestros”, hoxe restaurada (século XVIII), a fonte que había ao lado da casa…

A morriña de miña nai e máis a necesidade das tres irmás de asistir a un centro de ensino secundario tróuxonos a Galiza en setembro de 1957. A aldea de Leira, perto de Ordes, onde vivía a familia materna, foi o espazo onde transcorreu o primeiro ano de estadía. A avoa Carmen, a miserenta casa-escola onde miña nai nos daba clase, o primeiro contacto co galego, única lingua que se falaba ao meu redor, o Castromil que a fin de semana nos levaba a Santiago para nos reunir co pai e coas irmás… son imaxes que sempre volven.

Desde 1958 vivo en Compostela. Lembro aquel Santiago da miña infancia-adolescencia, tan diferente do actual. A zona vella de Santa Cristina, San Roque, Hospitalillo, as dúas Algalias, a Praza de Cervantes, a rúa da Troia foron o escenario dos meus xogos (naquel tempo xogábase nas rúas). Durante sete anos atravesei a Quintana e camiñei baixo os soportais da Rúa do Vilar para ir ao Instituto Rosalía de Castro onde cursei o bacharelato (1958-1965). De toda aquela etapa de tanta “Educación Política” e tantas “Labores del hogar”, un nome para o recordo: Gonzalo Anaya Santos, o meu profesor de Filosofía.

Entrei na Universidade en 1965. Foi nese edificio emblemático proxectado por Melchor de Prado no século XVIII que, na altura, era a Facultade de Filosofía e Letras, na actualidade é a de Xeografía e Historia. En febreiro do ano 70, cando cursaba 5º de carreira, tiña un lectorado concedido para a Universidade de Rennes o curso seguinte, mais a oferta do meu profesor e mestre, Ricardo Carvalho Calero, para traballar con el, cambiou o meu rumbo. Licencieime en xuño e en outubro dese mesmo ano 70 gradueime cun traballo intitulado “A lingüística galega no século XIX”, o que me valeu a obtención do Premio Extraordinario de Licenciatura. A partir desa data comecei a ensinar Lingua e Literatura Galega en centros da Universidade de Santiago. Traballei na Facultade de Filosofía e Letras, posteriormente de Filoloxía, de 1970 a 1975, e na Escola Universitaria de Formación do Profesorado desde 1972. Doutoreime en 1978 co traballo “O galego nas novelas de López Ferreiro”.

Obtiven a titularidade de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega en 1984 e a cátedra en 1994, materia que ensinei na Facultade de CC da Educación da USC até 2014, data da miña xubilación. Case en simultáneo co traballo docente, iniciei o traballo investigador, e nel continúo. Son unha traballadora da cultura. Os datos sobre a miña actividade profesional andan espallados por esta páxina.

Nos meus momentos de lecer, que non son moitos, busco a tranquilidade en Miñortos (Porto do Son), onde o mundo parece deterse e o tempo cobra outra dimensión. (Presentación dela mesma na web auroamarco.com)

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *