Actualidade

Carmen Seijas (Maruxa do Queleré) recoñecida como Republicana de Honra 2024

Na mañá de hoxe celebrouse no salón de plenos do Concello da Coruña un acto institucional con motivo do nomeamento por parte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña a Maruxa do Queleré como Republicana de Honra 2025.

A alcaldesa da Coruña presidiu o acto acompañada do presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña no que se fixo entrega dunha peza institucional á homenaxeada. Deixamos a continuación, a intervención do presidente da CRMH da Coruña no acto, xunto a varios arquivos gráficos do evento:

Desde a CRMH da Coruña vimos desde o ano 2008, e só interrompidos no ano 2020 pola pandemia do COVID, outorgando o título de “Republicana ou Republicano de Honra”. Son xa 17 os recoñecementos entregados a persoas significadas na loita antifranquista, persoas que padeceron a súa represión ou traballaron na defensa dos valores republicanos.
Por esas razóns nomeamos a persoas e colectivos que se destacaron na loita polas liberdades e o fin da ditadura como foron as mulleres do 10 de marzo de Ferrol ou a Celsa Díaz Cabanela que coñeceu xunto a outras moitas persoas – algunhas acompáñanos hoxe aquí - o cárcere coruñés da Torre, nos últimos anos do franquismo.
Tamén nomeamos a persoas vinculadas á denostada guerrilla antifranquista, con persoas que loitaron nela como foron Camilo de Diós ou Francisco Martinez (Quico).
Ao mundo da investigación memorialista, representada en persoas como Aurora Marco
Das diferentes sensibilidades e posicións republicanas representadas no galeguismo de Luisa Viqueira (filla de Xoan Vicente Viqueira) ou Elvira Bao Varela. Do republicanismo coruñés representado en Teresa Alvajar ou Jose Miñones fusilado no campo da rata en decembro de 1936.
Do mundo da cultura galega, representados en Pancho Pillado ou en quen foi pioneiro na defensa da memoria antifranquista como foi Isacc Díaz Pardo.
Do exilio obrigado como foi o caso de Mariví Villaverde.
Da masacre do Portiño, memoria de moitas familias coruñesas que comparten, por certo, a familia da primeira persoa nomeada como republicana de honra no ano 2008, Dolores García (Lolecha) coa familia Seijas.
Poderiamos seguir coa lista completa das persoas nomeadas como republicanas de honra – Jesús Castro, Marco Antonio Santos ou Nicanor Acosta, e veremos historias diferentes vinculadas á memoria da barbarie, da memoria da represión franquista. Vidas truncadas ou fondamente marcadas por un réxime xenocida. Mais todas elas comparten valores de fraternidade, da defensa da democracia e os dereitos civís.
E no caso de Maruja ademais confluen cousas moi importantes que queremos destacar. Os valores que tantas mulleres desenvolveron nos barrios coruñeses, que como Carmen Seijas souberon enfrontar con valor e determinación as durisimas condicións de vida nunha sociedade economicamente devastada e amordazada polo terror golpista de 1936.
Memoria compartida que forma parte da vida e da memoria de moitas coruñesas e coruñeses, coa que nos sentimos representad@s e recoñecid@s. Proba delo, os moitos parabéns que recibimos na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña pola escolla de “Maruxa a do Querelé” como Republicana de Honra.
Así que non quero quitarlle protagonismo a quen hoxe ten que telo e vou rematando xa.
Este ano 2025 a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña cumpre 20 anos de existencia. Maruja cumprirá este vindeiro sábado 100 aniños. Dúas efemerides que celebraremos xunto a Carmen Seijas facéndolle este necesario recoñecemento e agradecendolle a defensa dos valores compartidos.
Agradecer tamén ao concello da Coruña e a súa alcaldesa o recibimento, as atencións recibidas, e a boa acollida tamén do nomeamento de Maruxa.
Tamén a toda a corporación, institucións, entidades veciñais e sociais, asociacións que colaborades nesta cidade coa memoria.
E os parabéns claro está a nosa Republicana de Honra 2025, Maria Carmen Seijas Díaz, Maruxa a do Queleré. Tamén a súa familia, hoxe amplamente representada neste salón de plenos.
Moitas grazas a todas e todos.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *